TCL presentou no marco do IFA 2025 en Berlín o novo TCL NXTPAPER 60 Ultra, o primeiro smartphone do mercado en integrar a súa innovadora tecnoloxía NXTPAPER 4.0, desenvolvida en colaboración con TCL CSOT. Este dispositivo chega coa misión da marca de seguir protexendo a saúde ocular das usuarias nun contexto de sobrecarga dixital, ao tempo que ofrece un rendemento de gama media-alta para traballo, creatividade e entretemento.
Máxima comodidade visual con NXTPAPER 4.0
O NXTPAPER 60 Ultra está equipado cunha pantalla de 7,2 polgadas que imita a luz natural grazas á tecnoloxía CPL (Luz Polarizada Circular). Con sete innovacións clave para o coidado ocular —entre elas redución da luz azul, cero parpadeo, visualización sen reflexos e protección circadiana—, ofrece unha experiencia máis natural, cómoda e respectuosa coa vista.
Avalado polas certificacións de TÜV e SGS, este smartphone garante unha visualización brillante e precisa (ΔE<1), como se se tratase de ler sobre papel real. Ademais, a pantalla pode baixar ata 2 nits de brillo para facilitar a lectura nocturna e adapta automaticamente a temperatura da cor segundo o ritmo circadiano da usuaria.
Lectura e escritura intelixentes con IA
O dispositivo tamén destaca polo seu enfoque en produtividade e creatividade. Inclúe o T-Pen Magic, un lápis electromagnético sensible á presión, certificado por SGS, que ofrece unha experiencia de escritura natural, similar ao papel.
Xunto coa app TCL Note e funcións baseadas en intelixencia artificial, como resumos automáticos, interpretación simultánea ou notas de voz intelixentes, o NXTPAPER 60 Ultra convértese nunha ferramenta versátil tanto para estudantes como para profesionais.
Para a lectura, o Modo Max Ink permite unha experiencia inmersiva sen distraccións, bloqueando notificacións e creando un ambiente de desintoxicación dixital. Tamén integra recursos en varios idiomas e ferramentas como audiolibros, podcasts ou esquemas xerados por IA para mellorar a comprensión.
Fotografía profesional con MuseFilm
O apartado fotográfico do TCL NXTPAPER 60 Ultra dá un salto cualitativo ao integrar un teleobxectivo periscópico con zoom óptico 3x e zoom sen perda 6x, acompañado dunha cámara principal de 50 MP e estabilización óptica. É o primeiro smartphone do seu rango de prezo en incluír este hardware, achegando a fotografía profesional a máis usuarios.
A tecnoloxía MuseFilm Imaging completa a proposta, ofrecendo un acabado artístico e cinematográfico nas imaxes e vídeos, convertendo cada captura nunha experiencia creativa.
Rendemento e autonomía para o día a día
No seu interior integra o procesador MediaTek Dimensity 7400, acompañado de ata 24 GB de RAM (12 GB + 12 GB ampliados) e até 512 GB de almacenamento interno, ampliábeis mediante microSD. A batería de 5000 mAh con carga rápida de 33 W asegura unha xornada completa de uso intensivo.
Ademais, conta con resistencia IP68 contra auga e po, e é compatíbel con accesorios modulares magnéticos, que melloran a experiencia sen complicacións.
TCL NXTPAPER 5G Junior: pensado nas máis novas
Xunto co modelo Ultra, TCL tamén presentou o NXTPAPER 5G Junior, un smartphone deseñado especificamente para adolescentes. Inclúe pantalla certificada para coidado ocular, modo de desintoxicación dixital e un completo sistema de control parental con Google Family Link, que permite xestionar tempo de pantalla, apps, filtros de contido e xeolocalización en tempo real.

Unha proposta que reforza a filosofía de “Tecnoloxía para o ben” de TCL, apostando polo benestar das usuarias máis novas no centro da súa estratexia.
Dispoñibilidade e prezo
Se ben o fabricante non marcou unha data concreta para a dispoñibilidade destes novos produtos no noso país, si que adiantou os prezos cos que estes modelos chegarán ao mercado.
Así, o TCL NXTPAPER 60 Ultra (256 GB) poderase adquirir por 499 €, mentres que a versión con 512 GB subirá até os 549 €. Pola súa banda, o TCL NXTPAPER 5G Junior estará dispoñíbel por 249 €.
