Samsung anunciou oficialmente o lanzamento de One UI 8, a súa capa de personalización para dispositivos Galaxy, que dá un paso máis na democratización da intelixencia artificial. Esta nova versión introduce IA multimodal avanzada, melloras de seguridade de última xeración e unha experiencia adaptada a múltiples formatos de dispositivos.
A actualización comeza esta semana coa serie Galaxy S25, e nas próximas semanas chegará tamén aos Galaxy S24, Galaxy Z Fold6, Galaxy Z Flip6, Galaxy S24 FE, así como a outros modelos compatíbeis ao longo de 2025.
IA personalizada e segura para o día a día
Con One UI 8, os dispositivos Galaxy recoñecen o contexto das usuarias para ofrecer suxestións personalizadas e proactivas, adaptadas ás rutinas de cada persoa. Desde recomendacións de contido multimedia ata información sobre saúde integrada co Galaxy Watch, a nova interface busca facer a vida diaria máis cómoda e intelixente.

No apartado de seguridade, Samsung presenta Knox Enhanced Encrypted Protection (KEEP), unha arquitectura que crea espazos cifrados illados para cada aplicación, garantindo que só poidan acceder á súa propia información sensíbel. Ademais, Knox Matrix permite pechar sesións automaticamente en todos os dispositivos Galaxy se se detectan riscos graves, enviando notificacións inmediatas.
A función Wi-Fi Segura tamén se reforza con criptografía poscuántica (PQC), protexendo as conexións incluso en redes públicas.
IA multimodal: interactuar de forma máis natural
Un dos grandes avances de One UI 8 é a súa IA multimodal, que combina comprensión visual, auditiva e contextual.
- Gemini Live permite manter conversacións en tempo real coa IA, entendendo o que o usuario ve sen cambiar de aplicación.
- Circle to Search con Google amplíase con tradución instantánea en pantalla, ideal para artigos, redes sociais ou videoxogos.
- As capacidades de IA tamén chegan a tarefas creativas, como o Asistente de debuxo ou o Asistente de escritura, que permiten mover e editar contido xerado por IA dun xeito sinxelo.
Unha experiencia optimizada para todos os formatos
Samsung quere que One UI 8 funcione igual de ben en smartphones, tablets ou dispositivos encartábeis:
- Multipantalla permite arrastrar e soltar imaxes e textos xerados por IA.
- Now Bar e Now Brief ofrecen información contextual en tempo real, desde tráfico ata recomendacións personalizadas.
- Borrador de audio elimina ruídos molestos (como vento ou tráfico) cun só toque.
- A pantalla de bloqueo é agora máis personalizable, adaptando automaticamente a tipografía ao fondo de pantalla do usuario.

Entre as novidades máis creativas, destaca o Estudio de retratos, que aplica efectos artísticos ás fotos de mascotas, e a transcrición de chamadas, que transforma a voz en texto de forma instantánea.
Dispositivos compatíbeis con One UI 8
Ademais da serie Galaxy S25, One UI 8 tamén chegará a unha ampla lista de dispositivos, entre eles:
- As series Galaxy S24, S23, S22.
- As series Z Fold6, Z Flip6, Z Fold5, Z Flip5.
- As series Galaxy Tab S10, Tab S9, Tab S8
- Varios modelos Galaxy A: A56 5G, A36 5G, A54 5G, A34 5G, A53 5G e A33 5G, entre outros.
Unha actualización que redefine Galaxy
Con One UI 8, que non trae grandes actualizacións estéticas, Samsung busca reforzar o seu liderado en experiencia das usuarias ao ofrecer unha capa que combina IA avanzada, seguridade de nivel superior e personalización adaptada ao estilo de vida moderno.
Esta actualización non só mellora a produtividade e a creatividade, senón que tamén garante un uso máis seguro e intuitivo dos dispositivos Galaxy, confirmando a aposta da compañía pola intelixencia artificial ao servizo das persoas.
