Dimensity 9500: o procesador máis potente de MediaTek con IA, gráficos de consola e eficiencia enerxética récord

MediaTek vén de presentar o seu procesador máis avanzado até a data, o MediaTek Dimensity 9500, deseñado para impulsar a próxima xeración de smartphones insignia 5G. Este novo SoC combina rendemento extremo, experiencias de IA de última xeración, gráficos de nivel consola e unha eficiencia enerxética sen precedentes, converténdose no rival a bater nun segmento premium cada vez máis competitivo.

Potencia bruta con CPU All Big Core e gráficos de nivel consola

O Dimensity 9500 integra un deseño All Big Core de terceira xeración, cun núcleo ultra core a 4,21 GHz, tres núcleos premium e catro de alto rendemento. Segundo o fabricante, esta arquitectura ofrece un 29% de rendemento en núcleo único, un 16% máis en rendemento multinúcleo e até un 55% menos de consumo enerxético no ultra core, garantindo máis batería e maior produtividade.

Ademais, incorpora almacenamento UFS 4.1 de catro canles, o primeiro da industria, que duplica as velocidades de lectura/escrita e acelera nun 40% a carga de grandes modelos de IA.

Por outro lado, o apartado gráfico dá un salto cualitativo coa GPU Arm G1-Ultra, que trae un 33% máis de rendemento máximo, un 42% máis de eficiencia enerxética, interpolación ata 120 FPS e Ray tracing en tempo real.

A colaboración de MediaTek con Unreal Engine 5.5 e 5.6 garante compatibilidade con tecnoloxías como Nanite e MegaLights, permitindo efectos de iluminación avanzados e renderizado AAA en móbiles.

IA máis intelixente e eficiente

O MediaTek Dimensity 9500 eleva a experiencia de IA xerativa no dispositivo coa nova NPU 990 de novena xeración e o motor Generative AI Engine 2.0. Entre as súas innovacións destacan:

  • Procesamento de modelos BitNet de 1 bit, reducindo un 25% o consumo.
  • Modelos pequenos sempre activos, aforrando máis dun 40% de enerxía.
  • Saída LLM de 3.000 millóns de parámetros 100% máis rápida.
  • Procesamento de texto longo con 128K tokens.
  • Primeiras imaxes 4K de ultra alta resolución xeradas por IA no sector.

Fotografía, vídeo e conectividade

A súa ISP Imagiq 1190 trae un salto en fotografía móbil, permitindo a captura de ata 200 MP e vídeo cinematográfico 4K a 60 FPS con efecto retrato, adenaus de enfoque asistido por IA en tempo real e preprocesamento en dominio RAW para máis detalle e menos ruído.

O Dimensity 9500 tamén redefine a conectividade, con 5G con ata un 10% menos de consumo e Wi-Fi con aforro enerxético do 20%. A isto hai que sumar a agregación de portadoras 5CC, que aumenta o ancho de banda nun 15%; o posicionamento con IA, cunha precisión un 20% superior e un 50% menos de latencia; e Wi-Fi segura con criptografía poscuántica (PQC), reforzando a privacidade en redes públicas.

O MediaTek Dimensity 9500 nos primeiros smartphones

MediaTek confirmou que os primeiros móbiles insignia con Dimensity 9500 sairán ao mercado no cuarto trimestre de 2025.

A compañía traballa xa con fabricantes, estudos de videoxogos e socios de software para que as consumidores poidan gozar das mellores experiencias de xogos, fotografía, IA e conectividade desde o lanzamento.

Sobre o autor

Reply