O persoal de DIGI en folga contra a precarización laboral e salarial na Coruña

O persoal de DIGI arrancou este martes a primeira das tres xornadas de folga en rexeitamento ao I Convenio colectivo da empresa, que, segundo denuncian, supón un forte recorte nos dereitos laborais e salariais. A mobilización arrancou cunha concentración diante da tenda de Juan Flórez e continuará hoxe, ás 11:30 h, na rúa Barcelona da Coruña.

O comité provincial da CIG denuncia que o convenio, asinado por CCOO e UGT en Madrid sen participación do persoal, provocará unha clara precarización das condicións económicas e laborais.

Segundo explicou o presidente do comité, José Luis Álvarez, as diferenzas respecto ao convenio do siderometal, polo que se rexen, son alarmantes. Apuntan a perdas salariaias de até 5.800 euros, no caso de celadores/as) e até 6.600 € anuais para o persoal técnico de instalación e mantemento.

Ademais, o convenio proposto pola operadora reduce dereitos xa consolidados:

  • 1 día menos de vacacións.
  • Non recoñece o tempo de desprazamento como tempo de traballo efectivo.
  • Recorta complementos de asistencia, dietas e extras.

Denuncia por esquirolaxe en plena folga

A xornada de folga tamén estivo marcada por unha denuncia presentada pola CIG na Inspección de Traballo contra DIGI. A central sindical acusa á empresa de vulnerar o dereito fundamental á folga, xa que trasladou traballadores desde Madrid en furgonetas para suplir ao persoal en loita, unha práctica de esquirolaxe ilegal coa que pretendía minimizar o impacto da mobilización.

Dende o comité provincial advirten que, se a empresa segue sen abrir unha mesa de negociación, incrementarán as medidas de presión. “Levamos seis meses esperando e aínda non se dignou a darnos unha resposta”, criticou Álvarez, quen tamén anunciou que impugnarán o convenio en canto se publique oficialmente.

Con estas mobilizacións, o persoal de DIGI deixa claro que non aceptará un convenio regresivo que recorta dereitos e salarios, e mantense firme na defensa dunhas condicións laborais xustas.

Sobre o autor

Reply