Xiaomi presentou oficialmente a súa nova Xiaomi 15T Series, composta polos modelos Xiaomi 15T e Xiaomi 15T Pro. A compañía dá un paso adiante na evolución da súa gama T, incorporando óptica Leica de última xeración, conectividade avanzada e un deseño insignia que combina potencia e elegancia.
Fotografía profesional con óptica Leica
Sen lugar a dúbidas, o máis destacado da Xiaomi 15T Series é a incorporación dun sistema de triple cámara co-deseñado con Leica. No caso do Xiaomi 15T temos unha cámara composta por un sensor principal, un ultra gran angular e un teleobxectivo (15 mm a 92 mm), mentres que no Xiaomi 15T Pro está composta por unha cámara principal, unha ultra gran angular e novo teleobxectivo Leica 5x Pro con rango de 15 mm a 230 mm.

Ambos os dous contan cunha cámara principal de 50 MP Leica Summilux, cunha apertura f/1.7 no 15T e f/1.62 no Pro, capaces de capturar cores vivos, alto contraste e detalle preciso incluso en condicións de pouca luz.
O modelo Pro destaca polo seu sensor Light Fusion 900, cun rango dinámico de 13,5 EV para maior claridade tonal. Ademais, ofrece un zoom óptico 5x, zoom híbrido 10x e Ultra Zoom ata 20x, mentres que a cámara frontal de 32 MP asegura selfies e videochamadas nítidas.

Xunto co hardware, a plataforma computacional Xiaomi AISP 2.0 mellora retratos, cor e percepción de profundidade grazas a ferramentas como PortraitLM 2.0 e ColorLM 2.0, reducindo a necesidade de edición posterior.
Na parte de vídeo, ambos modelos permiten gravación 4K HDR10+ a 30fps, mentres que o Xiaomi 15T Pro dá un salto máis con 4K a 120fps e gravación 4K 60fps 10-bit Log con LUT, pensadas para creadoras que buscan calidade superior.
Conectividade e HyperOS 3
A serie estréase co Xiaomi Astral Communication, que inclúe comunicación offline entre dispositivos de ata 1,9 km no Pro e 1,3 km no 15T, sen necesidade de cobertura móbil nin WiFi. Ademais, integran Super Antenna Array con AI Smart Antenna Switching para mellorar a estabilidade de rede, perfecto para streaming, xogos e navegación.
En canto a software, os Xiaomi 15T son os primeiros en traer Xiaomi HyperOS 3, con multitarefa mellorada, arranque máis rápido de apps e un deseño de interface renovado. Inclúe integración con HyperAI, widgets intelixentes, fondos dinámicos e sincronización fluída entre dispositivos da marca.

Pantalla, potencia e autonomía
A nova pantalla AMOLED de 6,83 polgadas ofrece unha resolución 1,5K e brillo máximo de 3200 nits, garantindo visibilidade incluso baixo luz solar directa. Porén, hai algunhas diferenzas:
- Xiaomi 15T Pro: bisel ultrafino de 1,5 mm, frecuencia de actualización de 144 Hz e tecnoloxía avanzada de coidado ocular.
- Xiaomi 15T: frecuencia de 120 Hz e atenuación PWM de 3840 Hz para reducir fatiga visual en uso prolongado.
Se falamos de autonomía, os dous modelos integran batería de 5500 mAh, optimizada para durar máis ciclos de carga, se ben as prestacións de carga son diferentes. O Xiaomi 15T Pro inclúe carga rápida de 90W HyperCharge por cable e de 50W para carga sen fíos, mentres que o Xiaomi 15T inclúe só carga mediante cable, cunha potencia de 67W HyperCharge.

En canto a procesadores, o Xiaomi 15T Pro incorpora o MediaTek Dimensity 9400+ (3 nm), mentres que para o Xiaomi 15T o fabricante optou polo Dimensity 8400-Ultra, tamén de MediaTek. Ambos garanten rendemento fluído en xogos, multitarefa e creación de contido, acompañados do sistema de refrigeración Xiaomi 3D IceLoop para manter a temperatura estable e 12 GB de RAM.
Xiaomi 15T Series
Ambos os dous modelos da serie están dispoñíbeis en negro e gris, e tamén nunha versión dourada. Porén, esta última difire entre ambos, xa que no Xiaomi 15T Pro apostan por un dourado tradicional (Mocha Gold) e no Xiaomi 15T por un rosado (Rose Gold).
En canto a prezos, o Xiaomi 15T Pro está dispoñíbel por 799,99 € (256 GB), 899,99 € (512 GB) ou 999,99 € (1 TB). Pola súa banda, o Xiaomi 15T pode adquirirse por 649,99 € (256 GB) ou 699,99 € (512 GB).
