O mercado das telecomunicacións segue vivindo unha loita intensa no segmento de baixo custo. Se ben DIGI logrou situarse como a cuarta operadora máis grande do país grazas a tarifas moi agresivas, agora Lowi, a marca de baixo custe de Vodafone, contraataca cun movemento que vai na mesma liña: unha nova tarifa móbil por só 5 € ao mes, con 15 GB acumulábeis e chamadas ilimitadas.
A nova tarifa de Lowi: simple e sen letra pequena
Tras ter feito axustes nas súas tarifas para completalas e aos poucos ir incrementando o prezo mínimo de contratación, Lowi sorprendeu actualizando o seu catálogo cunha opción que se nunha das alternativas máis baratas do mercado:
- 15 GB acumulábeis
- Chamadas ilimitadas a fixos e móbiles
- Sen permanencia nin letra pequena
- Prezo definitivo: 5 €/mes
Con esta tarifa, a compañía iguala o plan máis económico de DIGI, que tamén se ofrece por 5 €/mes. A diferenza é que DIGI inclúe 25 GB e 100 minutos para chamadas nacionais e internacionais.
Vodafone coa mirada posta en DIGI
DIGI construíu o seu éxito sobre unha estratexia moi agresiva de prezos, con plans que parten de só 3 € ao mes cando se contrata fibra. Esta política permitiulle superar os 9 millóns de clientes en 2025, e situarse como a cuarta operadora a nivel estatal, e a única que gaña clientes mes a mes.
Vodafone busca frear esa sangría de usuarias ofrecendo plans moito máis agresivos. Hai unhas semanas, as usuarias que accedían á web de Vodafone identificadas desde as IP de de DIGI puideron desfrutar de tarifas exclusivas, como a tarifa móbil ilimitada total de Vodafone -que inclúe chamadas, datos ilimitados 5G e sms- por 5 €/mes, prezo definitivo, fronte os 30 €/mes habituais.
Agora Vodafone faino con Lowi, coa diferenza de que esta nova oferta está dispoñíbel para novas contratacións e usuarias de calquera compañía, sen necesidade de cambiar tamén a fibra ou depender dunha localización concreta. Unha estratexia que se ben pon o foco en Digi, tamén é unha mensaxe ao resto de marcas de baixo custe.
Así quedan as tarifas móbiles de Lowi
Ademais da nova opción de 5 €, o catálogo de Lowi queda configurado do seguinte xeito:
- 15 GB + chamadas ilimitadas por 5 €/mes
- 50 GB + chamadas ilimitadas por 8 €/mes
- 100 GB + chamadas ilimitadas por 10 €/mes
- 150 GB + chamadas ilimitadas por 15 €/mes
- 300 GB + chamadas ilimitadas por 20 €/mes
Todas estas tarifas inclúen cobertura 5G de Vodafone e a posibilidade de acumular os gigas non consumidos dun mes para o seguinte.
