MediaTek dá un salto histórico con TSMC: chip de 2 nm previsto para 2026

MediaTek vén de anunciar un novo fito tecnolóxico: o desenvolvemento dun chip utilizando o proceso de 2 nanómetros (nm) de TSMC, a tecnoloxía de fabricación máis avanzada da actualidade. Este SoC insignia está previsto para producirse en volume a finais de 2026, prometendo un rendemento sen precedentes e unha eficiencia enerxética que marcará a nova xeración de dispositivos móbiles, computación e automoción.

A tecnoloxía de 2nm N2P de TSMC é a primeira en adoptar unha arquitectura de transistores nanosheet, unha evolución clave fronte aos procesos anteriores. En comparación co proceso N3E da xeración actual, os chips de 2nm ofrecen até un 36% menos de consumo mantendo a mesma velocidade, un aumento do 18% en rendemento co mesmo consumo e 1,2 veces máis densidade lóxica, permitindo integrar máis potencia nun menor espazo.

Isto tradúcese en smartphones máis potentes e eficientes, servidores con menor gasto enerxético e unha revolución na mobilidade eléctrica e os centros de datos.

Onde e cando veremos os chips de 2 nm de MediaTek

O novo SoC insignia de MediaTek estará presente nunha ampla variedade de dispositivos e aplicacións, incluíndo móbiles premium (smartphones máis rápidos, con mellor xestión da batería e capacidades avanzadas de IA.), computación (portátiles ultrapotentes e ordenadores máis eficientes), automoción (vehículos eléctricos e conectados con maior capacidade de procesamento en tempo real) e centros de datos (servidores capaces de ofrecer máis potencia reducindo custos enerxéticos).

En canto á dispoñibilidade, MediaTek confirmou que a produción en volume dos seus chips de 2 nm comezará a finais de 2026, co que os primeiros dispositivos comerciais equipados con esta tecnoloxía poderían chegar ao mercado pouco despois, entre 2026 e 2027.

Un futuro dominado polos 2 nm

Este avance sitúa a MediaTek como un dos primeiros fabricantes en dar o salto aos 2 nm, un movemento que reforza a súa posición fronte a competidores como Qualcomm, Apple ou Samsung.

Con esta alianza, MediaTek e TSMC marcan o camiño dunha nova era na industria dos semiconductores, na que a eficiencia enerxética e o rendemento extremo serán claves para impulsar a innovación en todos os sectores dixitais.

Sobre o autor

Reply