Digi xa conta con máis de 50 antenas propias no Estado: en Galiza suma 5 emprazamentos de 5G

O despregametno do 5G propio de Digi continúa avanzando a bo ritmo no Estado español. A compañía low cost, que ata hai pouco dependía case por completo da cobertura de Movistar, xa suma 53 antenas activas en todo o Estado, segundo os datos actualizados a 30 de setembro de 2025 na web especializada antenasmoviles.es.

Este crecemento marca un paso importante para Digi, que busca ofrecer unha rede máis independente e competitiva, reducindo pouco a pouco a súa dependencia da infraestrutura de Telefónica.

5 antenas de Digi en Galiza: Ferrol, Lugo, Ourense e Verín

Aínda que a maior parte das novas antenas están repartidas por comunidades como Andalucía, Valencia ou Madrid, Galiza tamén xoga un papel clave neste despregamento. Na actualidade, a operadora xa conta con 5 emprazamentos confirmados, que se reparten entre os concellos de Ferrol (1), Lugo (1), Ourense (2) e Verín (1).

Deste xeito, as usuarias de Digi xa poden beneficiarse dunha cobertura propia nos seus dispositivos de maneira totalmente transparente en varios puntos estratéxicos do territorio galego.

Un crecemento progresivo cara á independencia

O CTO de Digi España, Ismael Serrano, sinalou recentemente no VI Observatorio 5G que este despregamento está a ser “progresivo”, co obxectivo de que as usuarias non noten a transición entre a rede propia de Digi e a de Movistar. De feito, moitos dos emprazamentos que emprega compartidos, nas mesmas torretas de Movistar.

Actualmente, a rede propia da compañía aínda está lonxe das cifras dos seus competidores, que suman máis de 20.000 antenas, no caso de Movistar, e máis de 17.000, nos casos de Vodafone e MásOrange. Con todo, os 53 puntos activos de Digi son un primeiro paso cara a unha rede máis independente, que no futuro permitirá á operadora low cost mellorar prezos, servizos e calidade de conexión.

Onde están as antenas de Digi no Estado

Ademais de Galiza, Digi xa dispón de antenas propias en territorios como:

  • Asturias (Avilés, Oviedo, Pravia, Langreo)
  • Madrid e Alcobendas
  • Andalucía (ata 12 en Sevilla e 1 en Almería)
  • Comunidade Valenciana (Torrevieja, Elche, Elda, Alicante, Benidorm…)
  • Castela e León (Palencia, Segovia, Tudela de Duero, Béjar…)
  • Extremadura (Cabezuela do Valle)
  • Rexión de Murcia (Totana, Molina de Segura, Los Alcázares)

Cara a un futuro con máis cobertura propia

O camiño de Digi cara a unha rede independente aínda é longo, pero o feito de contar xa con máis de 50 antenas marca un avance significativo. Para as usuarias galegas, a presenza en Ferrol, Lugo, Ourense e Verín supón unha mellora directa na experiencia de uso, especialmente no acceso a velocidades 5G máis rápidas e estables.

A medida que a compañía continúe o seu despregue, é previsíbel que novas cidades galegas se sumen á lista, fortalecendo así a súa posición como alternativa low cost no sector das telecomunicacións.

Sobre o autor

Reply