Gemini para Home: Google reinventa o fogar intelixente con IA, novo hardware e subscricións

Google acaba de dar o salto que lle faltaba no universo da casa conectada coa presentación de Gemini para Home, a evolución do seu asistente que promete transformar por completo a relación co fogar intelixente. Xa non se trata dun asistente que responde a comandos ríxidos, senón dunha IA conversacional e proactiva que entende o contexto, anticipa necesidades e integra todos os dispositivos de Google Home e Nest nun ecosistema máis natural e útil.

Conversacións naturais co fogar

Con Gemini para Home, falar “coa casa” será tan sinxelo como xa falamos actualmente co noso teléfono. O asistente é capaz de manter o contexto dunha conversa, interpretar peticións ambiguas e responder con voces moito máis naturais. Xa non será necesario repetir cada orde, e será posible facer solicitudes complexas como “apaga todas as luces menos as da oficina” ou “engade os ingredientes para facer pad thai á lista da compra”.

Ademais, Gemini Live permite conversacións fluidas sen necesidade de activar o “Hey Google”, ideais para brainstormings cotiáns, como decidir a cea con só listar os ingredientes dispoñibles na neveira.

Un fogar intelixente máis proactivo

As cámaras e timbres Nest tamén se volven máis intelixentes grazas a Gemini. Agora non só detectan movemento, senón que interpretan situacións: “un repartidor deixou un paquete no portal” ou “os nenos chegaron a casa”. Con Home Brief, o asistente resume cada noite as incidencias do día en vídeo e texto, e con Pregunta a Home pódese buscar no historial dicindo cousas como “a que hora chegou o meu fillo onte?”.

Gemini tamén simplifica a creación de automatizacións con linguaxe natural: basta pedir que “as luces do portal se acendan ao solpor” ou que “se simule actividade cando non haxa ninguén en casa”.

Novo hardware: Google Home Speaker e cámaras Nest

Xunto coa actualización de software, Google adiantou novos dispositivos deseñados para a era Gemini. O máis destacado é o novo Google Home Speaker, un altofalante intelixente que chegará en primavera de 2026.

  • Deseño premium: compacto, elegante, fabricado con tecido 3D sostible e dispoñible en catro cores (porcelain, hazel, jade e berry).
  • Novo anel de luz: indica cando Gemini está escoitando, pensando ou en modo Live.
  • Privacidade reforzada: interruptor físico para silenciar o micrófono.
  • Son envolvente: audio de 360º equilibrado e opción de emparellar dous altofalantes con Google TV para crear un cine na casa.

Tamén chegan novas cámaras Nest con mellor calidade de imaxe, zoom intelixente e alertas máis precisas, que xa están dispoñíbeis no noso país. Ambas teñen cable e están deseñadas para exterior ou interior, respectivamente.

Destacan de ambas a posibilidade de gravar en calidade 2K, tanto de día como de noite grazas ao seu sistema de visión nocturna, así como a interpretación do que ve pasar por diante delas.

Disponibilidade e subscricións

Gemini para Home comezará a chegar este mes a todos os altofalantes e pantallas intelixentes de Google a través dun programa de acceso anticipado desde a aplicación Google Home. As funcións avanzadas como Gemini Live, os resumos intelixentes ou a busca no historial de vídeo estarán dispoñíbeis coa subscrición Google Home Premium, desde 10 €/mes, ou con Google AI Pro ou Premium.

Con Gemini para Home tamén se confirma unha tendencia clave: o modelo de subscricións chega ao fogar intelixente. Igual que aconteceu no cinema, na música ou nos videoxogos, agora tamén a xestión da casa require pagar unha cota mensual para acceder ás funcións máis avanzadas. Esta estratexia abre o debate sobre se a verdadeira innovación estará reservada só para quen poida asumir unha subscrición, ou se veremos un equilibrio entre servizos básicos gratuítos e opcións premium que marquen a diferenza.

Sobre o autor

Reply