O OnePlus 15 está cada vez máis preto de ver a luz, e as últimas filtracións deixan poucas incógnitas antes da súa presentación oficial, prevista para o 13 de outubro de 2025 nun evento global simultáneo para China e o resto do mundo.
Pantalla, procesador e cámara de última xeración
Segundo os datos filtrados en Weibo, o OnePlus 15 chegará cunha pantalla AMOLED BOE X3 de 6,78 polgadas e resolución 1,5K, equipada con tecnoloxía LTPO para refresco dinámico de 1Hz a 165Hz. Ademais, contará con Dolby Vision, Pro XDR e un brillo máximo de 1.800 nits, prometendo unha experiencia visual de gama premium.

Confirmado pola propia marca, o novo modelo estará impulsado polo Qualcomm Snapdragon 8 Elite Gen 5, acompañado de memoria LPDDR5X e almacenamento UFS 4.1. As configuracións previstas inclúen opcións de 12GB/256GB, 12GB/512GB, 16GB/256GB, 16GB/512GB e 16GB/1TB, aínda que poderían variar segundo o mercado. Tamén incorporará a tecnoloxía Wind Chi Game Kernel 2.0 para mellorar o rendemento nos videoxogos.
No apartado fotográfico, o OnePlus 15 destacará cun conxunto traseiro triplo de 50 MP:
- Principal: sensor Sony LYT-700 (24 mm, f/1.8, OIS)
- Ultra gran angular: sensor Samsung ISOCELL JN5 (15 mm, f/2.0)
- Telefoto 3,5x: sensor Samsung ISOCELL JN5 (85 mm, f/2.8, OIS)
Unha aposta clara pola versatilidade fotográfica e a calidade en condicións de baixa luz.

Outro dos puntos fortes será a súa enorme batería Glacier de terceira xeración con 7.300 mAh, que virá acompañada de carga rápida de 120W por cable e 50W sen fíos.
A lista de características destacadas inclúe tamén altofalantes estéreo de nova xeración, motor háptico avanzado para vibracións máis realistas ou un sistema de refrixeración mellorado. Tampouco se esquece o fabricante da conectividae, cun porto USB 3.1 Gen1 Type C de 5 Gbps, NFC e IR Blaster.
OnePlus 15: lanzamento e dispoñibilidade
O OnePlus 15 chegará en tres acabados: Purple, Titanium e Black, combinando deseño elegante con materiais premium.
Aínda que non se coñecen prezos oficiais, a compañía anunciará todos os detalles o 13 de outubro, cando finalmente se presente o esperado OnePlus 15, chamado a competir directamente cos mellores smartphones de 2025.
