A Axencia Espacial Europea (ESA) continúa ampliando a súa rede de comunicación interplanetaria coa posta en marcha dunha nova antena de espazo profundo de 35 metros de diámetro situada en New Norcia, a uns 115 quilómetros ao norte de Perth (Australia Occidental). Trátase da cuarta antena da rede Estrack, o sistema global de seguimento espacial da ESA, e reforzará a capacidade de comunicación con misións científicas, de exploración e de seguridade espacial repartidas por todo o Sistema Solar.
Europa fortalece a súa autonomía espacial
Durante o acto de inauguración, celebrado o 4 de outubro, o director xeral da ESA, Josef Aschbacher, destacou que esta infraestrutura “reforza as capacidades de comunicación no espazo profundo e optimiza o rendemento do recurso máis valioso das misións: os datos transmitidos desde naves que viaxan lonxe da Terra”. Tamén subliñou que esta antena marca un novo paso nas relacións entre Europa e Australia, que esta semana anunciaron o inicio de negociacións para un acordo de cooperación espacial bilateral.
A construción da antena, iniciada en 2021 e entregada segundo o previsto, contou coa participación da industria europea e australiana e coa colaboración de socios locais. Cando entre en servizo, en 2026, apoiará misións tan relevantes como Juice, Solar Orbiter, BepiColombo, Mars Express e Hera, así como as futuras Plato, Envision, Ariel, Ramses e Vigil.
Comunicacións máis potentes e sostíbeis
A nova antena “New Norcia 3” é a máis avanzada da ESA ata a data. Conta con compoñentes crioxénicos arrefriados a -263 ºC, o que lle permite captar sinais extremadamente febles enviadas por naves espaciais situadas a millóns de quilómetros da Terra. Estas tecnoloxías aumentan a sensibilidade e o rendemento da comunicación, maximizando o retorno científico das misións.
Ademais, a antena formará parte da rede de cooperación internacional da ESA, apoiando tamén operacións da NASA, JAXA (Xapón) e ISRO (India), así como misións comerciais. Grazas a estes acordos de apoio mutuo, Europa consolida a súa autonomía estratéxica no espazo e reforza a súa presenza como socio clave no ámbito global da exploración espacial.
Un símbolo da colaboración europea-australiana
A estación de New Norcia, inaugurada en 2003, representa o compromiso da ESA coa rexión Asia-Pacífico e, en particular, con Australia. A ampliación da base xerará millóns de euros en valor económico local e emprego durante os 50 anos de vida útil previstos.
O director da Axencia Espacial Australiana (ASA), Enrico Palermo, destacou que “esta inversión reforza o papel de Australia como operador fiable e experimentado en comunicacións espaciais” e avanzou que o novo acordo coa ESA permitirá ampliar a cooperación científica e tecnolóxica entre ambas rexións.
O custo total da infraestrutura ascende a 62,3 millóns de euros, con 3 millóns achegados pola ASA. A construción foi liderada pola industria europea, con Thales Alenia Space (Francia) e Schwartz Hautmont Construcciones Metálicas (España) como contratistas principais. Tamén participaron empresas australianas como TIAM Solutions, Thales Australia, Fredon e Westforce Construction.
Cara a unha nova era das comunicacións interplanetarias
Operada localmente por CSIRO, a axencia científica nacional australiana, a nova antena converterase nun nodo esencial para manter comunicacións constantes coas misións espaciais europeas e internacionais. Grazas a este avance, a ESA dá un paso máis cara a unha rede global de comunicación interplanetaria máis potente, eficiente e sostible, preparada para as exploracións do futuro.
