O teléfono encartábel máis esperado de Samsung está a piques de facerse realidade. O Galaxy Z TriFold, o primeiro smartphone con pantalla triplemente encartábel, podería presentarse oficialmente a finais deste mes e, segundo novas filtracións, non se limitará só aos mercados asiáticos, como se pensaba inicialmente.
Samsung amplía horizontes: máis países no lanzamento
Até o de agora, todo apuntaba a que o novo Galaxy Z TriFold venderíase só na China e Corea do Sur, como proba piloto dunha tecnoloxía tan complexa. Porén, informacións recentes confirman que tamén chegará a outros países, entre eles os Emiratos Árabes Unidos e, posibelmente, os Estados Unidos.
Este movemento amosa que Samsung confía plenamente na súa creación, e quere que o seu dispositivo máis innovador sexa visto por un público global, aínda que seguramente cunha produción inicial cativa.
Un deseño revolucionario: tres pantallas, un só dispositivo
Segundo apuntan diversas filtracións, o Galaxy Z TriFold integraría unha pantalla OLED de 10 polgadas que se dobra en tres seccións, converténdose nun híbrido entre móbil e tableta. Recentes patentes indican que o dispositivo tamén contará con tres baterías, distribuídas de forma estratéxica para equilibrar peso e autonomía.
No apartado fotográfico, Samsung non quere quedarse atrás: o TriFold incorporaría un sistema de tres cámaras, con sensor principal de 200 MP, unha lente ultra gran angular e outra teleobxectivo con zoom dixital de ata 100x, herdanza directa da familia Galaxy S Ultra.
No seu interior, este modelo estreará o procesador Snapdragon 8 Elite for Galaxy, acompañado de ata 16 GB de RAM e 256 GB de almacenamento base. Tamén incluirá pantalla exterior de 6,5 polgadas, carga sen fíos e inversa, e estreará Android 16 con One UI 8, o novo ecosistema de Samsung.
Como mostra do compromiso coa durabilidade, e igual que xa fai co resto da gama, o novo dispositivo contará con sete actualizacións maiores do sistema operativo, situándoo á vangarda da industria neste aspecto.
Un paso máis alá dos modelos encartábeis
Con este TriFold, Samsung pretende dar un salto histórico e reafirmarse como a referencia no mercado dos dispositivos flexíbeis de gama alta, superando o concepto clásico de móbil e tableta.
O lanzamento global do Galaxy Z TriFold promete marcar un antes e un despois na tecnoloxía móbil, e a expectación é máxima.
