MasOrange e Vodafone crean PremiumFiber, a maior empresa de fibra óptica do Estado

Como xa vimos avanzando nos últimos meses, o mercado das telecomunicacións no Estado español está a vivir unha auténtica revolución. MasOrange e Vodafone veñen de anunciar o lanzamento de PremiumFiber, a súa nova empresa conxunta dedicada á fibra óptica, que nace co título de a maior compañía de rede fixa do país. A operación conta coa participación do fondo soberano de Singapur (GIC) e xa promete redefinir o panorama da conectividade a nivel estatal.

Un xigante con máis de 12 millóns de fogares conectados

PremiumFiber arrinca con case cinco millóns de clientes e unha infraestrutura que acada os 12 millóns de vivendas en todo o Estado, converténdose nunha das redes máis extensas e avanzadas de Europa. A compañía —que aínda está pendente das autorizacións regulatorias— prevé comezar a operar antes de que remate o ano, marcando un fito histórico na colaboración entre operadores rivais.

Á fronte do proxecto estará Blanca Ceña, exdirectora xeral de Vantage Towers España, quen achega unha ampla traxectoria na xestión de infraestruturas de telecomunicacións. A súa misión será liderar o crecemento da nova PremiumFiber e consolidala como referente tecnolóxico e estratéxico no sector.

Participación e estrutura: un modelo dual

O accionariado de PremiumFiber distribúese do seguinte xeito:

  • MasOrange controla o 58 %,
  • Vodafone España, o 17 %,
  • e GIC, o 25 % restante, como socio financeiro principal.

Esta alianza permitiu aos dous operadores reducir de forma significativa a súa débeda: MasOrange en 3.200 millóns de euros e Vodafone en 1.400 millóns.

A compañía manterá unha estrutura dual, é dicir, cada operador seguirá xestionando os seus propios activos de rede dentro da sociedade, evitando duplicidades pero conservando a súa independencia operativa.

Un salto tecnolóxico cara aos 10 Gbps

Un dos obxectivos clave de PremiumFiber será a migración da súa rede á tecnoloxía XGSPON, que permite velocidades de até 10 Gbps, dez veces superiores ás actuais conexións de fibra estándar.
Esta actualización posicionará a empresa como pioneira na fibra ultrarrápida, ofrecendo conexións máis estábeis, eficientes e preparadas para o futuro dixital.

O lanzamento de PremiumFiber chega meses despois da creación de Fiberpass, a empresa compartida por Vodafone e Telefónica, que tamén aposta pola rede conxunta de fibra óptica. Fiberpass conta actualmente con 3,65 millóns de unidades inmobiliarias e 1,4 millóns de clientes, pero segue á procura dun socio financeiro que lle permita seguir medrando.

Con PremiumFiber, MasOrange e Vodafone dan un golpe enriba da mesa e reforzan a súa posición fronte á competencia, combinando infraestrutura, experiencia e solvencia financeira.

Sobre o autor

Reply