Durante as últimas semanas estivemos a probar o Samsung Galaxy Z Fold7, o novo teléfono encartábel da marca surcoreana e, probablemente, o máis refinado e completo da súa historia. A sétima xeración deste dispositivo chega cun deseño máis lixeiro e resistente, un rendemento de primeira liña e unha experiencia de uso que, por fin, fai que o formato encartábel sexa realmente práctico no día a día.
Samsung leva anos liderando o segmento dos smartphones encartábeis, e con este modelo dá un paso decisivo cara á consolidación da categoría. O Galaxy Z Fold7 xa non é só un produto de nicho ou de demostración tecnolóxica: é un terminal maduro, pensado para quen quere produtividade, multitarefa e unha pantalla inmensa nun corpo que cabe no peto.
Nesta análise imos afondar en todos os seus apartados para comprobar se este Fold7 é realmente o mellor encartábel do mercado… ou se Samsung aínda ten marxe de mellora.
Deseño e acabados
O deseño era, sen dúbida, o punto máis feble das primeiras xeracións do Galaxy Fold, pero tamén o que máis mellorou co paso dos anos. Samsung foi afinando o formato ata chegar a este Galaxy Z Fold7, que marca un antes e un despois. A anterior xeración xa dera un salto importante en delgadez e ligereza, mais o Fold7 leva esa evolución a outro nivel: pesa só 215 gramos, tres menos que o Galaxy S25 Ultra. Non é un móbil lixeiro, pero si é a primeira vez que un Fold consegue situarse por debaixo do peso dun gama alta convencional.

Se o comparamos co Fold6, a diferenza é notable: 24 gramos menos, o que non é pouca cousa, sobre todo tendo en conta que agora é lixeiramente máis alto e máis ancho. Pechado, o Z Fold7 mide apenas 8,9 milímetros, situándose á altura de moitos móbiles premium non encartábeis. E cando o abrimos, sorprende: só 4,2 milímetros de grosor, tan fino que ao principio mesmo impón certo respecto manipulalo.
A construción mantén o marco de aluminio de grao aeroespacial e vidro nas dúas caras, con protección Gorilla Glass Ceramic 2 na pantalla exterior. O conxunto desprende unha sensación de solidez e coidado polo detalle. A bisagra, situada no lateral esquerdo, ten a dureza xusta: abre e péchase con firmeza, transmitindo seguridade, e o peche é perfecto, sen deixar oco entre as dúas metades como ocorría en versións anteriores.
A botoneira queda no lateral dereito, co sensor de pegada dixital integrado no botón de acendido, e o conxunto resulta moi cómodo na man. Pechado, parece un móbil totalmente normal, mesmo co sobresaído das cámaras que fai que o dispositivo non queda completamente plano sobre a mesa.

Outro cambio relevante está no formato da pantalla exterior. Samsung continúa afinando as proporcións ata acadar un panel de relación 21:9, moito máis natural que as pantallas excesivamente estreitas das primeiras xeracións. Grazas a iso, o uso co teléfono pechado é máis cómodo e intuitivo, case indistinguíbel do dun móbil tradicional.
En conxunto, o Galaxy Z Fold7 é o Fold máis equilibrado, elegante e refinado ata o momento, que convence pola súa ergonomía e pola madurez do seu deseño.
Hardware e rendemento
O Samsung Galaxy Z Fold7 chega equipado co mellor que ofreceu Qualcomm neste 2025: o Snapdragon 8 Elite for Galaxy, un chip que promete un rendemento un 38 % superior ao do modelo anterior. Acompáñano 16 GB de RAM LPDDR5X e almacenamento UFS 4.0, o que se traduce en velocidades de lectura e escritura altísimas e unha xestión de memoria impecable.
Na práctica, o Fold7 pode con todo: multitarefa, edición de vídeo, xogos esixentes ou uso intensivo de apps en segundo plano. Todo responde coa fluidez que se espera dun móbil de gama ultra alta, e iso é de agradecer. Porén, todo é mellorábel. E malia ás melloras na disipación térmica, a zona traseira quéntase con certa facilidade cando se lle comeza a esixir moito.
Polo demais, temos unha folla de especificacións que destaca en todo, tamén pola resistencia IP48 e a conectividade, onde ademais do 5G tamós WiFi 7 e Bluetooth 5.4.
Pantalla
As pantallas do Galaxy Z Fold7 é un dos puntos onde máis se nota a madurez desta xeración. Samsung leva anos liderando o sector dos paneis AMOLED, pero nesta ocasión conseguiu perfeccionar o equilibrio entre brillo, nitidez e naturalidade da cor, tanto na pantalla exterior como na principal.

A pantalla externa, de 6,5 polgadas, ofrece resolución FHD+ (2520 x 1080) cunha densidade de 422 píxeles por polgada e formato 21:9, moito máis cómodo e práctico que os formatos ultraalongados das primeiras xeracións. Agora é unha pantalla totalmente funcional: ler mensaxes, responder correos ou ver contido en redes é tan natural como en calquera móbil convencional. Ademais, o panel Dynamic AMOLED 2X mantén unha taxa de refresco adaptativa de 120 Hz, o que garante unha fluidez impecable tanto en navegación como en videoxogos.
Porén, onde realmente o Fold7 mostra o seu poder é na pantalla principal, o panel flexible de 8 polgadas QXGA+ (2184 x 1968). É o mellor panel encartábel que Samsung puxo nunca nun dispositivo: máis brillo, mellor contraste e cores máis equilibradas, cunha resposta táctil máis precisa e un pliegue moito menos visible. Os 368 ppi de densidade aseguran unha nitidez sorprendente para o seu tamaño, e a tecnoloxía Dynamic AMOLED 2X permite que o contido destaque con profundidade e realismo.
Ademais, redúcense notabelmente esas pequenas ondulacións ao tacto e os reflexos excesivos en exteriores. A visibilidade baixo luz solar é excelente, e a continuidade visual entre as dúas metades é tan boa que por momentos esqueces que estás ante unha pantalla flexible.

En resumo, o Galaxy Z Fold7 non só mantén o nivel de referencia en calidade de imaxe, senón que leva o concepto de pantalla encartábel a un novo estándar de perfección visual, demostrando que o formato plegable xa non implica renuncias na experiencia de uso.
Cámara
Historicamente, o apartado fotográfico fora un dos puntos máis febles da serie Fold fronte aos Galaxy S Ultra. Con todo, o Galaxy Z Fold7 dá un auténtico golpe enriba da mesa: por fin deixa atrás esa diferenza e herda o sensor principal dos seus irmáns maiores, o espectacular ISOCELL HP2 de 200 megapíxeles.
A cámara principal (200 MP, f/1.7, con estabilización óptica e enfoque Quad Pixel AF) ofrece un rendemento importante practicamente calquera situación. O nivel de detalle é soberbio, o rango dinámico amplísimo e a interpretación das cores, moi ao estilo Samsung: vibrante, con esa lixeira saturación que fai as imaxes máis atractivas para redes sociais sen chegar a parecer artificiais.
O teleobxectivo de 10 MP con zoom óptico 3x cumpre un papel moi digno. En exteriores e con boa iluminación captura detalles con gran claridade, tanto en retratos como en escenas afastadas. Iso si, cando cae a luz a súa calidade se resente: o ruído aumenta e pérdese definición. Non chega á versatilidade nin ao rendemento dos zooms periscópicos da serie Ultra, pero supón un paso adiante fronte ao Fold6.
Pola súa banda, o ultra gran angular de 12 MP é un vello coñecido da casa, e segue a ser solvente. A calidade de imaxe non alcanza a do sensor principal, pero cumpre con nota e, por fin, engade enfoque automático, algo que lle permite facer fotografía macro con moi bos resultados.
No frontal, o dispositivo incorpora dúas cámaras: unha de 10 MP (f/2.2) na pantalla exterior e outra de 10 MP baixo o panel interior. Ambas ofrecen selfies nítidos e ben expostos, ideais para videollamadas ou redes sociais, aínda que a exterior é a máis equilibrada en cor e contraste.
En resumo, o Galaxy Z Fold7 marca un antes e un despois na fotografía móbil encartábel. Non acada o nivel dun Galaxy S25 Ultra, pero é o primeiro Fold que pode mirarlle de ti a ti en moitas situacións, demostrando que o formato encartábel xa non é sinónimo de renuncia fotográfica.


































Software
Nos últimos anos Samsung fixo un traballo digno de admirar en canto ás actualizacións de software. O Galaxy Z Fold7 non é a excepción, e vén de fábrica con Android 16 e coa nova versión da capa One UI 8, algo moi relevante se temos en conta que tardou pouco máis dun mes desde o seu estreo nos Google Pixel.
Esta última versión de software, que tamén foi chegando xa a outros modelos da marca nas últimas semanas, non abrangue moitos cambios visuais, pero incorpora o novo Now Brief e unha forte aposta pola intelixencia artificial. Ferramentas como Selección con IA, Asistente de debuxo e Intérprete integran a IA directamente na barra lateral, e tamén conta con integración completa con Google Gemini.
Como é habitual, as melloras máis notábeis están na multitarefa, un terreo no que o Fold7 destaca especialmente. Podemos ter ata tres apps abertas ao mesmo tempo —dúas en pantalla dividida e unha en xanela flotante—, e o sistema responde sen esforzo.
O formato encartábel tamén achega funcións únicas: o modo Flex adapta as aplicacións cando o deixamos medio dobrado sobre a mesa, perfecto para ver vídeos en YouTube ou usar o móbil como trípode. Na cámara, por exemplo, podemos ver a foto capturada mentres seguimos coa cámara aberta, un detalle que multiplica a comodidade en sesións de retrato ou produto.
En conxunto, One UI 8 e Android 16 ofrecen unha experiencia máis madura e eficiente, demostrando que o Fold7 xa non é un experimento, senón un dispositivo pensado para o día a día.
Batería
Samsung sorprende conseguindo manter a mesma capacidade de batería que o Fold6, de 4.400 mAh, nun corpo máis delgado. O incremento lixeiro do tamaño axudou, pero é un logro notable tendo en conta o grosor de só 4,2 mm cando está aberto.
Na práctica, a autonomía é correcta, sen destacar. En días de uso moderado chega sen problema ao final da xornada, pero con uso intensivo (fotografía, navegación GPS, ou xogos) o consumo disprárase. En probas reais, o dispositivo ofrece arredor de 3 h e media de pantalla activa, usando o panel exterior a maioría do tempo.
Admite carga de 25W por cable, ademais de sen fíos e carga inversa. Samsung segue sen facer grandes avances nesta liña, mantendo a prudencia destes últimos anos, en contra do que están a facer os fabricantes chineses.
Conclusións
Despois de varias semanas de uso, o Samsung Galaxy Z Fold7 confirma que o formato encartábel madurou definitivamente. Samsung consegue por fin un dispositivo sólido, fino e cómodo, cun deseño refinado e unhas pantallas de calidade sobresaliente que fan que a experiencia de uso sexa tan natural como nun smartphone convencional. A mellora na cámara principal e o rendemento do Snapdragon 8 Elite sitúano á altura dos mellores móbiles do mercado.
Non é un teléfono para todos os públicos —segue a ser un dispositivo grande, caro e con certa marxe de mellora na autonomía e na xestión da temperatura—, pero si é o mellor Fold que Samsung fixo ata agora. É un terminal pensado para quen busca o máximo en produtividade, multitarefa e versatilidade, e quere probar como será o futuro da telefonía móbil.
