Analizamos o Google Pixel 10

Probámolo durante un par de semanas e chegou o momento de contalo todo: o Google Pixel 10 é o novo candidato da marca para definir como debe ser un móbil Android nativo no 2025. Durante este tempo o usamos a fondo en tarefas do día a día, xogos, sesións fotográficas, multitarea e viaxes. Nesta análise non só veremos as especificacións, senón que tamén contaremos a experiencia real, a sensación no día a día e como se comporta o Pixel 10.

Deseño e acabados

En termos de deseño non atopamos grandes cambios estéticos entre o Pixel 10 e a xeración anterior. Google decidiu apostar polo “se algo funciona non o toques”, e neste caso funciónalle á perfección. O Pixel 10 é un dispositivo que transmite unha boa experiencia visual e de acabado, sendo conscientes de que estamos ante un equipo refinado e premium.

Con certeza o elemento máis característico do modelo é o seu módulo de cámara traseiro. Unha illa xa icónica, que agora volve refinarse, apostando por un acabado mate que lle dá un toque máis elegante, e que mellora en limpeza.

Google apostou por unha paleta de catro cores: negro, prata, verde lima e Indigo. Este último, un azul intenso que, ao noso ver, fai resaltar esa sensación de estar ante un dispositivo que é único e especial, e que sen dúbida conquista desde o momento no que o sacas da caixa.

Tamén destaca o seu formato compacto, acostumados a un mercado dominado polos gamas altas en formato grande. O Pixel 10 mantén ese equilibrio entre tamaño e ergonomía, ofrecendo unha suxección cómoda, grazas tamén a un perfil recto e aos bordos planos.

A botoneira lateral segue a ser un pequeno trazo distintivo: o botón de acendido está situado enriba dos de volume, ao revés da maioría de fabricantes. Pode levar un tempo acostumarse, se vimos de dispositivos que o adoitan ter ao revés, pero entendemos que isto é algo temporal e caraceterístico noso.

En materia de resistencia, o Pixel 10 conta con protección Gorilla Glass Victus 2 tanto diante como detrás, e certificación IP68 fronte a po e auga. É dicir, é un móbil preparado para resistir o día a día sen problemas.

En resumo, o Pixel 10 é unha evolución discreta pero brillante: non revoluciona o deseño da familia, pero perfecciona o que xa funcionaba. É sólido, elegante, cómodo e recoñecible, algo que non todos os smartphones de gama alta poden dicir.

Hardware e rendemento

O Google Pixel 10 chega ben armado no apartado técnico. No seu interior atopamos o novo procesador Google Tensor G5, acompañado polo coprocesador de seguridade Titan M2 e 12 GB de memoria RAM, unha combinación que garante potencia, seguridade e fluidez no uso diario. En conectividade tampouco hai concesións: 5G mmWave e Sub6GHz, WiFi 6E, Bluetooth 5.0 e NFC completan un apartado de comunicacións de primeira liña, á altura do que se espera dun móbil de gama alta.

O salto ao Tensor G5 fabricado por TSMC é, sen dúbida, un dos cambios máis relevantes da xeración. Durante anos, os procesadores de Google arrastraban o lastre da súa colaboración con Samsung, cun rendemento irregular e problemas de temperatura evidentes. A aposta polo fabricante taiwanés, o mesmo que produce os chips de Apple e Qualcomm, tiña como obxectivo corrixir esa debilidade histórica, e o certo é que a mellora é visíbel.

Na práctica, o Pixel 10 é un teléfono incriblemente fluído. O sistema responde con suavidade milimétrica, as animacións son naturais e a multitarefa —grazas aos 12 GB de RAM— vai como un reloxo. Tanto en navegación, redes sociais, edición lixeira de fotos ou reprodución multimedia, o rendemento é impecable. Mesmo nas funcións de intelixencia artificial local —como Gemini Nano ou as ferramentas de edición de imaxes e transcrición— o Tensor G5 mostra músculo e solvencia.

Nas tarefas máis esixentes, como xogos de alta demanda gráfica ou gravación prolongada en 4K, o teléfono quéntase máis do esperado, especialmente na zona traseira. Non é algo que nin moito menos afecta ao rendemento, pero é un recordatorio de que Google aínda ten marxe de mellora na xestión térmica.

En canto á potencia bruta, o Tensor G5 non compite de ti a ti cos Snapdragon 8 Elite que atopamos en moitos modelos de Android: está un chanzo por debaixo en rendemento puro. Porén, Google xoga outra liga: a da optimización entre hardware e software. E nese terreo, o Pixel 10 brilla como poucos.

En resumo, o Pixel 10 non é o móbil máis potente do mercado, pero si un dos máis afinados, consistentes e agradables de usar. Google atopou por fin a base de hardware sólida que os seus Pixel levaban anos pedindo, e iso nótase en cada interacción.

Pantalla

O Google Pixel 10 mantén o tamaño de 6,3 polgadas, pero volve demostrar que non fai falta reinventar o que xa funciona. O seu panel Actua Display OLED ofrece resolución Full HD+ (1080 x 2424 píxeles) cunha densidade de 422 píxeles por polgada, frecuencia adaptativa entre 60 e 120 Hz e un brillo máximo de ata 3.000 nits, cifras que o sitúan entre os mellores da súa categoría. A protección corre a cargo do Gorilla Glass Victus 2, que garante resistencia fronte a golpes e arañazos.

Na práctica, estamos ante unha pantalla excepcional. A súa calidade salta á vista dende o primeiro momento: as cores son vivas pero equilibradas, sen ese exceso de saturación que ás veces penaliza outras marcas, e o contraste é espectacular, cun negro profundo que fai que ver series ou vídeos HDR sexa unha experiencia inmersiva. A visibilidade en exteriores é outro dos seus grandes logros; mesmo baixo o sol directo, o contido segue sendo perfectamente lexible, algo que non todos os móbiles poden dicir.

A frecuencia de refresco de 120 Hz tradúcese nunha fluidez exquisita á hora de navegar pola interface, desprazarse por redes sociais ou xogar. Iso si, o panel non é LTPO, polo que a taxa non se adapta de forma tan granular coma noutros modelos: alterna entre 60 e 120 Hz. Non é unha carencia grave, pero si unha oportunidade perdida para mellorar a eficiencia enerxética e achegarse aos rivais directos como o Galaxy S25 ou o Xiaomi 15.

No día a día, con todo, o Pixel 10 ofrece unha das mellores pantallas do segmento premium compacto. A nitidez é excelente, os ángulos de visión son amplos e sen dominantes de cor, e o brillo mínimo resulta axeitado para usar o móbil en ambientes escuros. Google non carga o panel con axustes complexos: só permite escoller entre os modos de cor “Natural” e “Adaptativo”, pero a calibración é tan boa que non se bota en falta nada máis.

Cámara

O apartado fotográfico é para nós un dos grandes saltos do Pixel 10. Por primeira vez, o modelo estándar incorpora un sistema de tres cámaras, incluíndo un teleobxectivo con zoom óptico 5x. É un cambio histórico na gama, pois ata o de agora esta versatilidade estaba reservada aos modelos Pro. Con este movemento, Google democratiza a súa mellor ferramenta e converte o Pixel 10 nunha das propostas fotográficas máis completas do segmento premium compacto.

O sistema está composto por unha cámara principal de 48 MP (f/1.7, OIS), un ultra gran angular de 13 MP (f/2.2, 120°) e un teleobxectivo de 10,8 MP (f/3.1, zoom óptico 5x e Super Res Zoom ata 20x). E, como sempre, o segredo non está só no hardware, senón no software: a tradicional intelixencia computacional de Google segue sendo a que marca a diferenza.

A cámara principal ofrece imaxes cheas de detalle, cun rango dinámico amplísimo e cores vibrantes pero equilibradas. En condicións de pouca luz tamén sorprende, grazas ao procesado HDR+ e ao modo Noite, que logra resultados realistas sen perder naturalidade. O ultra gran angular, pola súa banda, cumpre ben a súa función, mantendo boa nitidez e cor, aínda que non chega ao nivel de detalle do sensor principal.

O teleobxectivo 5x é a gran estrela desta xeración. Permite achegarse á escena sen perda de calidade, facendo retratos cunha compresión de perspectiva moito máis natural e tomas que antes estaban fóra do alcance. Ademais, o Super Res Zoom ata 20x ofrece resultados máis útiles do que cabería esperar, sobre todo en boas condicións de luz.

É certo tamén que nalgúns casos o software tende a sobreprocesar algunhas imaxes, especialmente levantando sombras ou aplicando un enfoque algo agresivo, o que pode restar naturalidade nalgunhas situacións, pero aínda así, o Pixel 10 ofrece un rendemento fotográfico excelente, moi por enriba do que adoita verse neste rango de prezo.

É versátil, rápido e coherente, tanto en fotografía como en vídeo, onde o estabilizador óptico e o procesado intelixente volven facer un gran traballo. En resumo: Google reafirma a súa posición como referente da fotografía móbil, agora tamén na súa versión base.

Software

Repetímonos, pero é certo: se hai un ámbito no que os Pixel xogan noutra liga, é no do software. O Pixel 10 chega con Android 16 de serie e a última versión de Pixel UI, unha capa que segue sendo o mellor exemplo de como Google entende o seu propio sistema operativo: limpa, fluída e profundamente intelixente.

A experiencia de uso é impecable. Todo responde cunha suavidade exemplar: as animacións, as transicións entre apps, o desprazamento polas redes ou o uso multitarefa. Google conseguiu que o software e o hardware funcionen en perfecta harmonía, demostrando que a potencia non é o único que importa cando a optimización está tan ben feita.

A verdadeira diferenza, porén, está nas funcións baseadas en intelixencia artificial, cada vez máis integradas no día a día. O Asistente de Cámara, potenciado por Gemini, é un bo exemplo: suxire axustes de iluminación e composición segundo a escena, e mesmo pode xerar variacións dunha foto en tempo real. Tamén regresan funcións xa clásicas como o Borrador Máxico, o Reenfoque de rostros ou a Mellor Versión Automática, agora máis rápidas e precisas.

Outro punto forte é a integración coa IA xenerativa no teclado, nas respostas intelixentes e na creación de contido, algo que fai que escribir mensaxes, resumir textos ou traducir conversas sexa máis sinxelo e natural ca nunca. Iso si, segue habendo unha asignatura pendente: moitas destas funcións continúan limitadas por idioma ou rexión, polo que non é posible aproveitar todo o potencial de Gemini ou dalgunhas ferramentas creativas. É unha limitación que Google debería superar se quere consolidar o ecosistema Pixel a nivel global.

Como colofón, o Pixel 10 herda o mesmo compromiso de mantemento que os seus irmáns maiores: sete anos de actualizacións de sistema, Pixel Drops e parches de seguridade, algo que o coloca entre os smartphones con mellor soporte a longo prazo do mercado.

Batería

A autonomía foi durante anos un dos puntos febles dos Pixel, especialmente desde a chegada dos chips Tensor de fabricación propia. Con todo, o Pixel 10 confirma que Google segue afinando esta área, ofrecendo un equilibrio cada vez mellor entre rendemento, consumo e eficiencia.

O dispositivo integra unha batería de 4.970 mAh, unha cifra que sobre o papel non sorprende, pero que na práctica cumpre. En uso real, con brillo automático, conexión 5G e alternando redes sociais, cámara, navegador e mensaxería, o teléfono aguanta sen problemas unha xornada completa e adoita rozar o día e medio de uso. En sesións máis moderadas, é posible chegar ás 30 horas declaradas pola marca, e incluso superar as 40 se activamos o modo de aforro extremo, que promete ata 100 horas de uso básico.

A eficiencia do Tensor G5, xunto co bo xestión de Android 16, axudan a que o consumo en repouso sexa moi contido. Iso si, cando se lle esixe, a temperatura sobe e o gasto de enerxía tamén se nota.

No apartado da carga, Google segue fiel á súa filosofía de “menos é máis”. O Pixel 10 admite carga rápida de 30 W, que permite recuperar o 55% da batería en media hora, unha mellora leve respecto á xeración anterior pero lonxe das cifras que manexan marcas chinesas. A carga completa ronda a hora e cuarto.

Tamén hai boas novas no apartado sen fíos: o Pixel 10 é compatible co novo estándar Qi2 e coa tecnoloxía PixelSnap de 15 W, que mellora a estabilidade e a velocidade de carga sen cable.

En resumo, o Pixel 10 non revoluciona a autonomía, pero cumpre con solvencia. É un teléfono que ofrece un rendemento constante, unha carga suficiente e unha boa eficiencia xeral, consolidando un apartado que por fin deixa de ser unha preocupación na experiencia Pixel.

Conclusións

Chegados a este punto, podemos dicir que o Pixel 10 confirma que Google atopou o equilibrio que levaba anos buscando. Non é o teléfono máis potente nin o máis cargado de especificacións, pero combina bo deseño exquisito, unha pantalla de primeira, cámaras brillantes e unha experiencia de uso fluída e intelixente como poucos. A chegada do Tensor G5 fabricado por TSMC marca un antes e un despois en rendemento e eficiencia, e Android 16, xunto co ecosistema de ferramentas de IA integradas, fan que o día a día con este dispositivo sexa simplemente pracer puro.

É certo que hai marxe de mellora —a carga rápida segue a ser modesta, o chip non compite en potencia bruta e algunhas funcións de IA seguen limitadas por rexión—, pero o conxunto brilla pola súa coherencia.

O Pixel 10 é un móbil equilibrado, refinado e cunha personalidade moi marcada, pensado para quen valora máis a experiencia global que os números dos benchmarks. Un verdadeiro Pixel na súa mellor versión.

Sobre o autor

Reply