Nokia acelera o camiño cara ao 6G: conectividade por satélite en todos os smartphones e dispositivos

Nokia quere situarse á vangarda da innovación móbil coa súa aposta polo 6G e as redes non terrestres (NTN), unha tecnoloxía chamada a revolucionar a conectividade global. A compañía confirmou que o 6G integrará a conexión por satélite como capacidade estándar, permitindo que calquera smartphone ou dispositivo conectado teña cobertura en calquera punto do planeta, sen depender da infraestrutura terrestre.

Da teoría á realidade: o camiño cara á conectividade universal

As NTN comezaron a integrarse no ecosistema 5G coa versión 17 do estándar 3GPP, que permitiu a comunicación vía satélite para mensaxes de emerxencia —como xa se viu en modelos como o Google Pixel 9 ou o Samsung Galaxy S25—. Co 6G, esa funcionalidade deixará de ser unha excepción para converterse nunha característica nativa, presente en practicamente todos os dispositivos desde o primeiro día.

As versións máis recentes do estándar, 18 e 19, ampliaron as capacidades do sistema, mellorando a compatibilidade, o rendemento e a arquitectura dos satélites. Grazas a estes avances, as redes NTN poderán ofrecer cobertura continua, mesmo en zonas marítimas, aéreas ou remotas, con velocidades e estabilidade comparábeis ás das redes terrestres.

6G: a era da conectividade sen límites

A chegada do 6G levará a integración entre redes terrestres (TN) e non terrestres (NTN) a un novo nivel, introducindo melloras salientábeis, entre elas a conectividade satelital universal. Isto implicaría que todos os dispositivos 6G estarán listos para conectarse ao espazo, do mesmo modo que hoxe o fan con Wi-Fi ou GPS.

As outras dúas grandes vantaxes son que os equipos poderán conectarse directamente sen depender do sistema global de navegación, reducindo vulnerabilidades ante interferencias, mais tamén a interoperabilidade total, que supón que as usuarias pasarán sen interrupción entre redes terrestres e satelitais, mantendo sempre a conexión activa, estean onde estean

En definitiva, a tecnoloxía NTN impulsada por Nokia non só busca mellorar a cobertura, senón tamén reducir a fenda dixital. Grazas a ela, comunidades afastadas poderán acceder a servizos de comunicación, educación, saúde e comercio electrónico, fomentando a inclusión e o desenvolvemento global.

Ademais, esta conectividade universal xogará un papel esencial en situacións de emerxencia e desastres naturais, permitindo coordinar servizos de rescate e comunicacións críticas mesmo cando as redes terrestres fallen.

Sobre o autor

Reply