Movistar triplica a velocidade do seu servizo por satélite

Telefónica reforza a súa aposta pola conectividade en zonas rurais e remotas mellorando a velocidade do seu servizo Movistar Satélite Max, a alternativa á fibra para os fogares sen acceso ás redes terrestres. A operadora vén de triplicar a velocidade de descarga, pasando dos antigos 30 Mbps a 100 Mbps de baixada e 5 Mbps de subida, grazas a un novo acordo con Hispasat, o socio tecnolóxico que xestiona a infraestrutura satelital.

Internet por satélite para chegar onde non chega a fibra

Desde 2023, a Lei Xeral de Telecomunicacións (LGT) garante un acceso mínimo de 100 Mbps en todo o territorio. Para cumprir con este obxectivo, o Goberno español activou o programa ÚNICO Demanda Rural, financiado con fondos europeos e xestionado por Hispasat a través da súa iniciativa Conéctate35. Este servizo ofrece conexión por satélite xeoestacionarios e un prezo fixo de 35 euros ao mes, nos que se incúea a instalación e o equipamento subvencionados, pero que só está dispoñíbel nas áreas designadas polo Ministerio.

Para o resto do Estado, Movistar comercializa o servizo Satélite Max cun prezo idéntico —35 € ao mes, ou 58 € se se engaden dúas liñas móbiles—, pero agora con mellores prestacións. Esta actualización eleva a velocidade estándar a 100 Mbps, situando o servizo máis preto das alternativas terrestres en termos de rendemento e estabilidade.

A conexión non ten límite de descarga, aínda que a prioridade de tráfico só se garante durante os primeiros 60 GB ao mes, salvo durante a madrugada (de 1:00 a 6:00), cando o consumo é ilimitado.

A alternativa real a Starlink

Non cabe dúbida que o principal rival de Movistar Satélite Max é Starlink, o servizo de internet por satélite de SpaceX, que opera con tecnoloxía LEO (Low Earth Orbit). A vantaxe de Starlink é a súa menor latencia, moito máis próxima á da fibra óptica, mentres que o sistema GEO de Hispasat roza o segundo de retardo.

Porén, Telefónica aposta pola cobertura universal e a integración co seu ecosistema de servizos, ofrecendo unha experiencia máis completa para fogares sen outras opcións de conectividade.

Sobre o autor

Reply