Oakley Meta Vanguard: a nova xeración de lentes intelixentes para deportistas chega da man de Meta

A época da IA semella ter chegado para inundalo todo nas nosas vidas, e a práctica do deporte non ía ficar allea. Falamos da intelixencia atlética, un eido no que encaixan as novas Oakley Meta Vanguard, creadas en colaboración entre Meta e Oakley (EssilorLuxottica), co obxectivo de redefinir o adestramento deportivo.

Trátase dunhas Performance AI Glasses combinan o deseño deportivo icónico de Oakley coa potencia da intelixencia artificial de Meta, converténdose nun accesorio deseñado para quen vive o deporte con intensidade.

Deseñadas para o rendemento

Os Oakley Meta Vanguard foron pensados para deportes de alta intensidade: ciclismo, maratóns, trail ou deportes de neve. Incorporan unha cámara centrada de 12 MP con lente gran angular de 122° capaz de gravar vídeo en 3K, con modos avanzados como Slow Motion e Hyperlapse. Todo, sen usar as mans, grazas á integración con Meta AI, que permite controlar as funcións por voz.

O seu deseño envolvente integra a tecnoloxía Oakley PRIZM Lens, que mellora o contraste e protexe fronte ao sol, vento e po. O sistema Three-Point Fit e as almofadas nasais intercambiábeis garanten un axuste perfecto, mesmo con casco ou gorra. Ademais, son os lentes máis resistentes da marca, con certificación IP67, polo que aguantan auga, suor e po sen problema.

Ademais, os novos lentes contan con altofalantes abertos un 30% máis potentes ca xeración anterior e un sistema de cinco micrófonos que elimina o ruído do vento, ideal para chamadas, mensaxería ou usar Meta AI mentres corremos ou pedaleamos. A batería ofrece ata nove horas de autonomía (ou seis de reprodución continua), e o estoxo de carga proporciona 36 horas adicionais. En só 20 minutos, cargan ata o 50%.

A integración da IA no deporte: o adestrador invisíbel

Porén, máis aló de todas estas características, o verdadeiro salto dos Oakley Meta Vanguard é a integración con Garmin e Strava, dúas das plataformas deportivas máis populares. Agora, as usuarias poden preguntar “Hey Meta, como vou de pulsacións?” e obter datos en tempo real sen mirar unha pantalla. Os lentes tamén poden iluminar un LED lateral para avisar se se está dentro do ritmo ou frecuencia cardíaca desexada.

Grazas á IA de Meta, o sistema é capaz de capturar automaticamente vídeos en momentos clave (por exemplo cando aumentamos a velocidade, superamos un desnivel ou acadamos unha marca persoal), permitindo revivir e compartir os nosos mellores logros. Ademais, poderemos superpoñer métricas de rendemento sobre os vídeos antes de compartilos en Strava, Instagram ou Facebook.

Conéctanse tamén con Apple Health, Garmin Connect e Health Connect by Android, xerando informes de actividade completos e históricos de progreso.

Modelos, dispoñibilidade e prezo

A colección chega en catro combinacións de cores e lentes PRIZM:

  • Black con PRIZM 24K
  • White con PRIZM Black
  • Black con PRIZM Road
  • White con PRIZM Sapphire

Desde a empresa destacan ademais que os lentes son intercambiables, e haberá versións adicionais como PRIZM Low Light. En canto a prezos, no noso país están á venda por 549 €.

Sobre o autor

Reply