Google dá un novo paso para converter Wallet nunha das aplicacións máis completas e útiles do ecosistema Android. A última actualización, integrada na versión 25.41 de Google Play Services, incorpora unha función esperada: os Live Updates, ou actualizacións en vivo, que permiten seguir o progreso dos teus voos, trens ou eventos directamente dende a pantalla de bloqueo ou no modo Always On Display.
Barra de progreso en tempo real para voos, trens ou concertos
A nova función de Google Wallet aproveita o sistema de Live Updates de Android 16, presentado no último Google I/O, para ofrecer información dinámica e actualizada sen necesidade de abrir a aplicación.
Se xa era posíbelengadir billetes ou entradas ao móbil e recibir notificacións sobre cambios no embarque, agora Google dá un paso máis: unha barra de progreso mostra canto tempo queda para o noso voo, viaxe ou evento, visíbel tamén na pantalla de bloqueo ou na Now Bar dos móbiles Samsung Galaxy.
Ademais, esta función poderá usarse tamén con eventos e espectáculos, permitindo ver o seu progreso en tempo real e manter toda a información visíbel dun só vistazo.
Integración total co ecosistema Android
Durante o Google I/O de maio, a compañía xa avanzara que os Live Updates chegarían tamén a Google Maps, Waymo e Uber Eats, ampliando así o concepto de información dinámica a máis servizos. Agora, a integración con Wallet é un paso natural, xa que é a app onde a maioría de usuarias gardan billetes, entradas e tarxetas de embarque.
Os Live Updates poderán amosarse en tres espazos distintos do sistema: no modo Always On Display (AOD); na pantalla de bloqueo, con información clave visíbel sen desbloquear o dispositivo e nas capsulas de información tipo “bits” de Android, ofrecendo datos resumidos e accesíbeis.
Dúas novidades adicionais den Google Wallet
A versión 25.41 de Google Play Services tamén inclúe dúas melloras clave:
- Alertas automáticas para tarxetas de fidelidade importadas desde Gmail. Cando unha usuaria reciba por correo unha nova tarxeta ou cupón, Wallet poderá recoñecela e enviar unha notificación directa para engadila á app.
- Integración directa con apps bancarias e de terceiros. Agora será posible engadir tarxetas de débito ou crédito a Wallet sen introducir datos manualmente, permitindo que as aplicacións financeiras compatíbeis o fagan de forma segura e automática.
Cara a unha experiencia máis intelixente e fluída
Con estas melloras, Google Wallet segue evolucionando máis aló dos pagos móbiles, converténdose nun centro de xestión dixital para a vida cotiá: desde gardar entradas e billetes, até seguir en directo o estado dun voo ou engadir tarxetas sen complicacións.
A nova función Live Updates comezará a despregarse progresivamente nas próximas semanas, primeiro nos dispositivos con Android 16 e, máis adiante, no resto de terminais compatíbeis.
