Os realme GT 8 xa son oficiais: deseño personalizable, cámara con selo Ricoh e potencia de nova xeración

Realme volve á carga coa presentación da súa nova serie realme GT 8, unha gama que aposta por potencia, innovación e deseño diferenciador. A compañía presentou na China os seus novos realme GT 8 e GT 8 Pro, dous smartphones que chegan para competir directamente co mellor da gama alta Android. O modelo Pro destaca especialmente por ser o primeiro móbil do mundo con módulo de cámara intercambiábel, un concepto pensado para ofrecer máis liberdade estética e creativa ao usuario.

realme GT 8 Pro

O realme GT 8 Pro rompe moldes coa introdución dun sistema de módulos de cámara intercambiábeis, que se acoplan mediante imáns e dous pequenos parafusos Torx. A marca ofrecerá inicialmente tres deseños —redondo, cadrado e “Robot”—, dispoñíbeis en varias cores, e publicou tamén os arquivos 3D oficiais para que calquera usuaria poida imprimir o seu propio módulo personalizado.

Para incentivar a creatividade, realme lanzou unha competición internacional de deseño en colaboración coa comunidade MakerWorld, onde se poden compartir e descargar creacións orixinais. Un xesto que reflicte a vontade da marca de fusionar tecnoloxía e expresión persoal.

No apartado fotográfico, o GT 8 Pro é o primeiro resultado da alianza entre realme e Ricoh, un nome histórico no mundo da fotografía. O sensor principal é de 50 MP (1/1.56”, f/1.8) e ofrece unha experiencia similar ás cámaras Ricoh GR, con opcións de distancia focal equivalente (28 mm e 40 mm) e distintos perfís de ton —positivo, negativo, alto contraste ou monocromático—.

Ademais, o móbil incorpora o novo sensor ISOCELL HP5 de 200 MP de Samsung, o máis pequeno da súa clase, para o teleobxectivo con zoom óptico 3x e sen perda ata 12x. A cámara ultra grande angular tamén é de 50 MP (f/2.0, 116°), completando un conxunto fotográfico de primeiro nivel para creadores de contido e entusiastas da fotografía móbil.

Snapdragon 8 Elite Gen 5 e chip gráfico R1

Baixo o capó, o realme GT 8 Pro integra o novo procesador Snapdragon 8 Elite Gen 5, o chip máis potente de Qualcomm, acompañado de ata 16 GB de RAM LPDDR5X e 1 TB de almacenamento UFS 4.1.

Tamén debuta o chip gráfico R1, un coprocesador deseñado por realme para mellorar o rendemento visual, optimizar a super resolución nos videoxogos e elevar as taxas de frames, especialmente nunha pantalla AMOLED QHD+ de 6,78 polgadas e 144 Hz.

A marca dá outro salto coa incorporación dunha batería dual de 7.000 mAh, un deseño en dúas celdas que permite manter a capacidade sen comprometer a seguridade nin o grosor do dispositivo. O GT 8 Pro admite carga rápida de 120 W e carga sen fíos de 50 W, mentres que o GT 8 estándar mantén a mesma capacidade de batería pero cunha carga rápida de 100 W e sen opción inarámica.

realme GT 8: equilibrio e rendemento a menor prezo

O realme GT 8 básico aposta por un Snapdragon 8 Elite (xeración anterior), cámara principal Sony LYT700 de 50 MP, teleobxectivo de 50 MP (zoom 3,5x) e ultra gran angular de 8 MP. Mantén a mesma pantalla de 144 Hz e a batería de 7.000 mAh, pero renuncia ao módulo de cámara intercambiábel e á colaboración con Ricoh.

Dispoñibilidade e prezo

Tras o seu lanzamento, coñecemos tamén o seu prezo na China. Así, o realme GT 8 Pro parte duns 480 € ao cambio, mentres que o GT 8 faino desde uns 350 €.

Aínda que non hai confirmación oficial da súa chegada, todo apunta a un lanzamento global inminente que incluiría diversos países de Europa, entre eles o noso.

Sobre o autor

Reply