O novo nubia Z80 Ultra aposta pola fotografía móbil e o rendemento co potente Snapdragon 8 Elite Gen 5

ZTE presentou na China o nubia Z80 Ultra, o seu smartphone máis avanzado ata a data, pensado para quen busca o máximo rendemento, unha experiencia fotográfica profesional e unha pantalla inmersiva sen interrupcións. Este modelo, que chega a Europa o 6 de novembro, combina a tecnoloxía máis punteira coa estética premium que caracteriza á marca.

Fotografía profesional con dobre distancia focal e cámara baixo pantalla

O nubia Z80 Ultra destaca polo seu sistema de dobre distancia focal de 35 mm e 18 mm, que permite capturar dende retratos precisos ata paisaxes espectaculares con calidade profesional. O dispositivo incorpora un obturador físico de dobre toque, similar ao das cámaras analóxicas, para facer foco antes de disparar e lograr un control total da imaxe.

ZTE, pioneira na tecnoloxía Under Display Camera (UDC), introduce aquí a súa oitava xeración deste sistema. A pantalla BOE X10 1.5K elimina por completo o “notch” e oculta a cámara frontal de forma invisible, acadando unha experiencia visual inmersiva e sen interrupcións.

O sensor OmniVision OV50H “Light & Shadow Master 990” de 1/1,3 polgadas captura con precisión en condicións de pouca luz, mentres que a intelixencia artificial nubia AI facilita a edición avanzada e a personalización das fotografías.

Rendemento extremo e experiencia de xogo superior

O Snapdragon 8 Elite Gen 5 é o corazón deste smartphone, acompañado de memoria LPDDR5X e almacenamento UFS 4.1, o que garante potencia, eficiencia e velocidade. O motor de xogo CUBE, compartido coa marca gaming REDMAGIC, ofrece gráficos de alta calidade con resolución ata 2K e taxa de refresco de 144 Hz, mentres que a función AI Super Frame Stabilization asegura unha fluidez total mesmo nas partidas máis esixentes.

O sistema de refrixeración 3D Ice Steel VC con metal líquido mellora a disipación de calor nun 35%, mantendo a temperatura estable e reducindo o consumo enerxético. Ademais, a batería de 7.200 mAh con carga rápida de 80 W por cable e 80 W sen fíos garante autonomía para todo o día.

Deseño premium e accesorios exclusivos

Co Retro Kit 2.0, un accesorio fabricado con “nanocoiro” técnico e aluminio ton titanio, nubia aposta por unha experiencia fotográfica máis ergonómica e profesional. O dispositivo mantén o seu icónico anel vermello luminoso arredor da cámara principal e un corpo de fibra de cristal curvada nos catro lados, combinando elegancia e durabilidade.

Nubia Z80 Ultra: dispoñibilidade

O nubia Z80 Ultra estará dispoñible en tres cores, negro, branco e a xa habitual edición limitada Noite Estrelada (Starry Night), con configuracións de 12 + 256 GB, 16 + 512 GB e 16 GB + 1 TB.

Xa se pode reservar na web oficial de nubia Europa, con descontos por reserva anticipada, antes da presentación oficial de prezos o 6 de novembro.

Sobre o autor

No Responses

Reply