Repsol e Telefónica acaban de anunciar un acordo estratéxico para o despregamento de redes móbiles 5G nas principais instalacións industriais que a enerxética ten no Estado español. O proxecto, considerado o maior plan de 5G industrial do país ata a data, supón un paso decisivo cara á automatización e dixitalización da industria petroquímica.
Unha rede 5G para catro complexos industriais clave
Segundo fontes próximas ao acordo, Telefónica desenvolverá e operará unha rede privada 4G/5G nas plantas de Repsol situadas en Cartagena (Murcia), A Coruña (Galiza), Puertollano (Castela-A Mancha) e Tarragona (Catalunya). Esta rede permitirá conectividade avanzada e operación remota en tempo real, apoiándose na infraestrutura pública de Movistar.
A cobertura estenderase por toda a superficie exterior de cada centro, empregando frecuencias de 700 MHz e 2.100 MHz para o 5G, e 800, 900 e 1.800 MHz para o 4G, garantindo así unha comunicación estábel, rápida e segura nas zonas máis críticas das instalacións.
O proxecto —cun prazo inicial de tres anos, ampliábeis a cinco— prevé estar completamente operativo en 2026.
Cara ás “plantas autónomas” de nova xeración
A iniciativa, bautizada como “Proxecto Planta Autónoma”, forma parte do Programa Dixital Industrial de Repsol. O obxectivo é avanzar cara a plantas industriais intelixentes, capaces de executar accións automáticas baseadas no estado dos activos e nas necesidades da produción, baixo a supervisión de persoal técnico.
Estas plantas autónomas utilizarán sensores, cámaras e drones conectados por 5G para mellorar a seguridade, eficiencia e rendemento das operacións. A nova infraestrutura permitirá tamén un mellor control enerxético e medioambiental, reforzando o compromiso de Repsol coa innovación e a sustentabilidade.
