O grupo Orange anunciou estes días un acordo histórico para facerse co control total de MasOrange, a operadora resultante da fusión entre Orange España e MásMóvil. O xigante francés pagará 4.250 millóns de euros en efectivo polos fondos KKR, Cinven e Providence, que posuían o 50 % da compañía. Con este movemento, Orange consolida a súa posición no mercado español e pecha unha das operacións máis relevantes da historia recente das telecomunicacións.
A compra, que se completará en 2026, porá fin á complexa estrutura accionarial de MasOrange, nacida en 2024 tras a fusión a partes iguais das dúas compañías. Agora, Orange recuperará o control total do seu negocio no Estado español —o segundo máis importante do grupo en Europa—, marcando o final dun ciclo de consolidación que redefine por completo o panorama das telecos no país.
De start-up a xigante das telecomunicacións
MásMóvil, unha das patas desta aventura, naceu no 2006 cun investimento persoal do austríaco Meinrad Spenger duns 100.000 euros, co obxectivo de competir cos tres grandes das telecomunicacións cunha operadora virtual.
De ser unha pequena start-up, a compañía foi gañando usuarias e, desde o 2014, comezou a gran expansión aproveitando as oportunidades regulatorias que chegaron cunha das primeiras fusións que se deron no Estado: a de Orange e Jazztel. Posteriormente, MásMóvil faríase con marcas como Pepephone e Yoigo, consolidando o salto de OMV a operador con rede propia.
Xa no 2020, o control de MásMóvil pasou a mans dos fondos KKR, Cinven e Providence, que lanzaron unha OPA valorada en case 3.000 millóns de euros. O obxectivo era claro: incrementar o valor da compañía para vendela no futuro. Esa gran oportunidade chegou en 2024 coa creación de MasOrange, unha fusión ao 50 % con Orange España que deu lugar a un xigante con máis de 30 millóns de usuarias e marcas como Yoigo, Jazztel, Pepephone, Orange ou a galega R. A operación convertiuse nun caso de éxito de integración e eficiencia no sector europeo das telecomunicacións.
Agora, ao activar o seu dereito preferente de compra, Orange pon fin a esa etapa e adquire a metade de MasOrange por 4.250 millóns de euros, asegurando unha plusvalía multimillonaria para os fondos investidores e reforzando a súa posición no mercado español.
Spenger seguirá como CEO da compañía nun mercado consolidado
Segundo apuntan desde a compañía, a intención de Orange é que Spenger continúe á fronte da nova compañía, agora propiedade total de Orange. Neste senso, destácase que hai unha confianza total nun home que conseguiu fundar unha pequena start-up que acabaría formando parte do maior operador do Estado en número de clientes.
A operación tamén ten importantes implicacións para a competencia. Durante anos, MásMóvil foi o principal actor que presionou á baixa os prezos no mercado español, un papel que agora desempeña Digi. Con esta fusión definitiva, o mercado queda nas mans de catro grandes operadores: Telefónica, Orange, Vodafone e Digi.
