Telefónica acaba de anunciar un ambicioso plan de reforzo enerxético para garantir que as súas redes móbiles e de fibra sigan operativas incluso en caso dun apagón eléctrico prolongado. O obxectivo é protexer as comunicacións en todo o territorio do Estado e evitar que unha eventual falta de subministración afecte á conectividade das usuarias e das empresas.
A compañía, que xa demostrou unha notable resiliencia durante o apagón parcial do pasado 28 de abril, busca agora blindar completamente a súa infraestrutura para que incidentes semellantes non teñan un impacto tan severo. Daquela, a rede de Telefónica foi a que mellor resistiu, mantendo o maior volume de tráfico do país nas horas máis críticas, aínda que o tráfico chegou a caer até o 16 % do habitual durante a primeira media hora.
Antenas móbiles con 8 horas de autonomía e centrais de fibra con 24
Telefónica conta con máis de 22.000 emprazamentos con antenas móbiles en todo o Estado, e o seu plan é dotar a todos eles de sistemas de enerxía de respaldo con diferentes niveis de autonomía:
- 50 % das antenas: 2 horas de funcionamento sen corrente eléctrica.
- 40 % das antenas: até 4 horas de autonomía, situadas en zonas estratéxicas.
- 10 % restantes: cobertura en zonas críticas —como centrais nucleares, portos ou centros de seguridade nacional— cunha autonomía de até 8 horas.
Estas instalacións contarán con baterías de alto rendemento e, nos casos máis sensíbeis, xeradores diésel que poderán reabastecerse en caso de emerxencia.
O plan tamén inclúe un reforzo específico para a rede fixa. Logo do apagado das centrais de cobre, Telefónica opera agora con só 1.800 centrais de fibra óptica, moito máis eficientes e de menor consumo. Así, a nova infraestrutura permitirá:
- Manter 4 horas de autonomía na maioría das centrais.
- Estender o funcionamento até 8 horas nas máis importantes.
- E garantir 24 horas sen subministración eléctrica nas centrais estratéxicas, que darán soporte a millóns de usuarias en todo o país.
Deste xeito, a rede de fibra de Telefónica poderá seguir operativa un día enteiro sen subministración eléctrica, grazas á combinación de baterías de longa duración e xeradores auxiliares.
Un “escudo antiapagóns” cun investimento millonario
O proxecto, cualificado internamente como un “escudo antiapagóns”, suporá un investimento inicial de varios centos de millóns de euros. Ademais, o mantemento destas infraestruturas implicará custos recorrentes, xa que tanto as baterías como os grupos electróxenos requiren revisións e probas periódicas aínda que non entren en uso.
Con este plan, Telefónica pretende reforzar a súa posición de liderado tecnolóxico e fiabilidade no mercado español, asegurando que os seus servizos de móbil e fibra poidan seguir funcionando mesmo en escenarios de emerxencia enerxética.
