O mundo da telefonía móbil xa fala do Redmi Turbo 5 Pro, o próximo lanzamento de Xiaomi que promete converterse nun dos smartphones con maior autonomía do mercado. Segundo as primeiras filtracións chegadas desde China, o dispositivo incorporaría unha enorme batería de 9.000 mAh e carga rápida de 100 W, unha combinación pensada para as usuarias máis esixentes que buscan potencia e duración sen compromisos.
De confirmarse os datos que chegan desde o gran país asiático, o Redmi Turbo 5 Pro contaría tamén cun procesador MediaTek Dimensity da serie 9000, orientado ao rendemento de alta gama. Porén, sen lugar a dúbidas, o protagonismo sería para a súa batería, coa que promete superar os rexistros de marcas como Samsung, Apple ou Google.
A isto habería que sumarlle a carga rápida de 100 W por cable, para recuperar a enerxía en cuestión de minutos, unha vantaxe clave para quen fai un uso intensivo do móbil en traballo, viaxes ou consumo de videoxogos.
Deseño premium e pantalla OLED 1.5K
As filtracións apuntan tamén a que o novo terminal de Redmi estreará unha pantalla plana LTPS OLED con resolución 1.5K, que ofrecerá cores vivas e unha excelente definición en interiores e exteriores.
O seu deseño minimalista e o marco metálico daranlle un toque elegante e moderno, mentres que os altofalantes estéreo simétricos garanten unha experiencia audiovisual inmersiva. Ademais, o Redmi Turbo 5 Pro incluiría un sensor de pegada ultrasónico 3D baixo a pantalla e un alto nivel de resistencia a po e auga, reforzando o seu carácter robusto e preparado para o día a día.
Posíbel lanzamento no 2026
Malia non haber data oficial, os rumores apuntan a que o Redmi Turbo 5 na súa versión base podería chegar entre novembro e decembro de 2025, mentres que o Turbo 5 Pro presentaríase entre febreiro e marzo de 2026.
Este modelo chegaría como sucesor directo do Redmi Turbo 4 Pro, lanzado en abril, e situaríase como unha das apostas máis sólidas da gama media premium de Xiaomi para o próximo ano.
