Iberia ofrecerá WiFi gratuíto de alta velocidade en todos os seus voos grazas a Starlink

A compañía aérea Iberia anunciou a finais da semana pasada un importante salto tecnolóxico. A partir de 2026, ofrecerá conectividade WiFi de alta velocidade e totalmente gratis en todos os seus voos, tanto os de curto como os de longo radio.

Este novo servizo será posíbel grazas a un acordo estratéxico entre o grupo IAG, ao que pertence Iberia, e Starlink, a rede global de Internet por satélite desenvolvida por SpaceX, a compañía aeroespacial de Elon Musk.

Conectividade a bordo, sen interrupcións e en todo o planeta

Coa implementación da tecnoloxía Starlink, Iberia promete ofrecer unha experiencia de conexión semellante á do fogar, con acceso rápido, estábel e dispoñíbel durante todo o voo, mesmo en zonas sen cobertura terrestre, como as rexións polares.

O sistema baséase nunha constelación de satélites en órbita baixa, capaces de ofrecer velocidades de descarga de até 450 Mbps e de subida de ata 70 Mbps. Isto permitirá ás persoas viaxeiras ver contido en streaming, traballar na nube, xogar en liña ou comunicarse sen limitacións, independentemente da cabina na que viaxen: turista, turista premium ou business.

Con esta iniciativa, a compañía busca mellorar a experiencia da súa clientela desde o embarque até o aterraxe, e consolidar o seu liderado como unha das aeroliñas máis avanzadas e sostibles do continente.

Vueling e Level tamén, pero abren a porta a cobrar polo servizo

A implantación do servizo de Starlink na frota do grupo IAG, tamén implica que chegará aos avións do resto de compañías do grupo formado, ademais de por Iberia, polas aeroliñas Aer Lingus, British Airways, Level e Vueling.

Tanto Vueling como Level, esta última especializada en voos de longo radio con base en Barcelona, confirmaron a implementación do servizo de conectividade a bordo con Starlink para o 2026, mais sen facer referencia á gratuidade que si comentan Iberia e British Airways nos seus comunicados. Isto abre a porta que estas dúas compañías, centradas no sector do baixo custe, apliquen unha taxa para poder usar o servizo, como fan agora coas maletas e outros servizos a bordo.

Sobre o autor

Reply