Google está a introducir unha importante mellora nas súas ferramentas de seguridade: a posibilidade de compartir vídeo en directo durante unha chamada de emerxencia. Esta funcionalidade, bautizada como “experiencia de video en directo integrado”, chega coa actualización de novembro de Google Play Services, e comezará a despregarse de forma gradual nas próximas semanas.
Segundo explica a compañía, a función permitirá que os operadores dos servizos de emerxencia poidan ver unha transmisión en vivo do que está a ocorrer, o que facilitará unha resposta máis rápida e precisa ante situacións críticas.
Primeiro nos Pixel, logo en máis dispositivos
Polo de agora, todo apunta a que esta novidade será exclusiva dos teléfonos Pixel, polo menos nunha primeira fase. Estes dispositivos xa contan cun amplo conxunto de ferramentas de seguridade, como detección de accidentes de tráfico, comprobación de seguridade ou alertas de crise, ás que agora se suma a posibilidade de enviar vídeo en tempo real.
As usuarias dos Pixel xa podían gravar e compartir vídeos de emerxencia, pero esta actualización vai un paso máis alá: agora, os equipos de emerxencia poderán solicitar acceso á cámara do dispositivo durante a chamada -sempre e cando o sistema de emerxencia ofreza esa posibilidade- e as usuarias decidirán se conceden permiso para emitir en directo.
Privacidade e funcionamento
Google asegura que o vídeo non se almacenará no teléfono, aínda que os operadores poderían gardalo nos seus sistemas se é necesario. A compañía non detallou todos os aspectos técnicos, pero espérase que o funcionamento sexa similar ao do Emergency SOS de Apple en iOS 18, que tamén permite compartir imaxes e vídeo en tempo real coas autoridades.
Con esta nova ferramenta, Google pretende mellorar a seguridade e a asistencia en situacións de emerxencia, aproveitando as capacidades de conexión e intelixencia dos seus servizos para mellorar a resposta ante accidentes ou crises.
