Sen facer grandes anuncios, Samsung continúa ampliando a súa gama de tablets co lanzamento dun novo modelo: a Galaxy Tab A11+. Un dispositivo que acaba de chegar a Europa con algunahs melloras sobre a versión Tab A11 estándar.
Máis potencia e outras melloras significativas
O principal elemento diferenciador coa versión base témolo no seu interior, onde integra un procesador MediaTek Dimensity 7300, fronte o Helio G99 da Tab A11, que ofrece un rendemento máis fluído para tablets de uso cotiá. Ademais, incorpora Android 16 de serie, fronte Android 15 (actualizábel, iso si), do modelo base.
Outro punto decisivo é o soporte para Samsung DeX, o modo de escritorio propio da marca que transforma a tablet nun equipo máis produtivo cando se conecta a un monitor, teclado ou rato. Trátase, ademais, da tablet máis barata da compañía compatíbel con DeX, o que pode atraer tanto a estudantes como a quen precise unha ferramenta económica para traballo lixeiro.
Máis opcións de conectividade
O novo modelo non só mellora en software e potencia, senón tamén en formato e opcións de conectividade. Está dispoñíbel en versión Wi-Fi e en 5G, mentres que o modelo base ofrece Wi-Fi e LTE.
En canto aos prezos, o modelo WiFi custa 279 €, mentres que a versión 5G sube até os 329 €. Deste modo, a Galaxy Tab A11+ sitúase como unha opción equilibrada para quen busque unha tablet económica pero cun extra de produtividade grazas a DeX.
