Telefónica abriu esta semana un novo proceso de reestruturación laboral que podería converterse nun dos máis relevantes da última década no sector tecnolóxico español. A compañía comunicou aos principais sindicatos a súa intención de aplicar un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) en sete das súas filiais, alegando “causas obxectivas” e sen concretar, polo momento, o número final de despedimentos.
Segundo fontes próximas ao proceso, a cifra inicial manexada estaría entre as 6.000 e 7.000 traballadoras a nivel estatal, aínda que os sindicatos esperan rebaixar o impacto durante as negociacións.
Impacto na Galiza: 300 empregos pendentes de coñecer o seu futuro
Na Galiza, segundo confirmou a CIG, existen arredor de 300 postos de traballo de Telefónica distribuídos polas diferentes sociedades afectadas. Polo de agora, descoñécese cantos destes empregos formarán parte do ERE, xa que a compañía non facilitará o detalle até a vindeira semana.
As sociedades vinculadas ao convenio de Telefónica (Telefónica de España, Telefónica Móbiles e Telefónica Solucións) darán a coñecer a cifra o 24 de novembro, mentres que o resto das empresas afectadas farano o día 25. A incerteza mantén en alerta ao persoal galego, pendente dun proceso que xa se anticipa masivo.
Sete filiais afectadas polo ERE
A proposta trasladada pola empresa abrangue sete divisións: Telefónica de España, Telefónica Móbiles, Telefónica Solucións, Telefónica S.A., Telefónica Global Solutions, Telefónica Innovación Dixital e Movistar+
Trátase dun movemento que se enmarca dentro do Plan Estratéxico Transform & Grow 2026-2030, co que Telefónica pretende aforrar até 3.000 millóns de euros neste período. Só para 2028, a empresa prevé un recorte de 2.300 millóns, dos cales o 75% están relacionados con gastos operativos, incluídos os salariais.
As mesas negociadoras constituiranse os días 24 e 25 de novembro, abrindo un prazo de 30 días para pactar tanto o número final de despedimentos como as condicións económicas. Desde os sindicatos tamén critican que Telefónica recorra “unha vez máis” á redución de persoal como fórmula de axuste organizativo, e reclaman un plan de futuro claro para o persoal que permaneza no grupo.
Un ERE que podería superar os 2.000 millóns de euros
No ERE anterior, Telefónica provisionou arredor de 1.300 millóns de euros para cubrir o custo de 3.421 saídas (uns 380.000 € por traballador). Aplicando ese mesmo baremo, o novo proceso podería achegarse aos 2.000 millóns de euros. Este importe inclúe tamén os custos sociais derivados das saídas, debido á coñecida “cláusula Telefónica”, pola que a empresa debe asumir prestacións por desemprego e cotizacións até a idade de xubilación.
Desde o Ministerio para a Transformación Dixital apúntase que non aprobarán o ERE se non hai acordo cos sindicatos. Esta presión engádese ao calendario, xa que a compañía pretende pechar o acordo antes de rematar 2025, co obxectivo de imputar o custo no exercicio actual.
O resultado das negociacións das próximas semanas definirá non só o impacto final sobre o persoal de Telefónica, senón tamén o ritmo de implantación do seu plan estratéxico para os vindeiros anos.
Na Galiza, as preto de 300 traballadoras pendentes de coñecer o seu futuro seguen con preocupación o avance das conversas, nun momento de incerteza no sector e de forte competencia pola transformación dixital.
Foto portada: Central de Telefónica en Fene / Google Maps.
