O 20 de novembro de 2007 R daba un paso decisivo: despois de oito anos ofrecendo servizos fixos de telecomunicacións, lanzaba o seu servizo de telefonía móbil e convertíase nun operador converxente nun momento no que falar de “cuádruple play” aínda soaba case futurista.
Hoxe, 20 de abril de 2025, aquela aventura cumpre 17 anos, unha traxectoria chea de innovacións, saltos tecnolóxicos, cambios de rede, crises puntuais e un portfolio de tarifas que evolucionou de xeito frenético para adaptarse a cada época.
Aproveitando este aniversario, facemos un percorrido que nos leva desde aquela icónica SIM con forma de lata de sardiñas até a recente chegada da eSIM e o 5G Stand Alone que hoxe chega á maior parte do rural galego.
Os primeiros anos (2007–2011): o lanzamento, as primeiras tarifas e o crecemento constante
O servizo de móbilR nacía cun breve período de probas para 500 clientes pioneiros, apoiándose na rede móbil de Vodafone. O 3 de decembro de 2007 estendíase ao resto da clientela con dúas tarifas fundacionais —tarde e flexible—, SMS decrecentes e datos móbiles que hoxe parecen doutro século: 10 MB por 6 euros ou 1 GB por 29 euros, con excesos a 0,50 €/MB.
A aposta de R pasaba pola converxencia total: unha única factura, servizos unificados e unha política de captación que ofrecía descontos nos servizos fixos por sumar o móbil. O resultado non tardou en verse, e en xullo de 2008 xa contaba con 18.000 liñas.

No 2011 xa contaba con 118.741 liñas, superando en novembro de 2012 a barreira das 200.000 liñas. As 300.000 chegarían menos dun anos despois, en setembro de 2013, un crecemento moi relevante se temos en conta que o servizo ofrecíase unicamente en Galiza.
O catálogo de móbiles era outro elemento diferencial: terminais sempre libres, con moito protagonismo inicial para Nokia e con trebellos icónicos como o HTC Touch. Co paso dos anos sumáronse marcas como Samsung, LG, Huawei, BQ ou Apple.

2011-2014: un mercado hiperactivo e un tsunami de tarifas
O período 2011–2014 foi un dos máis dinámicos na historia das telecomunicacións do Estado español, e R non quedou atrás. As tarifas mudaban cada poucos meses, e se no 2019 nacía tarifa mini, que popularizou as chamadas a 6 cént/min, no 2010 chegaría a primeira mini+internet, que ademais dese prezo para chamadas incluía datos a prezos máis razo´bais e con redución de velocidade a 64 kbps ao consumilos: 50 MB por 6 €, 250 MB por 12 €, 1 GB por 19 €, 3 GB por 39 € e 5 GB por 49 €.
Porén, foi no 2013 cando apareceu unha das tarifas máis lembradas: a tarifa cero, con 1 GB de datos e chamadas nas que só se pagaba o establecemento. A finais de 2014 esta tarifa contaba con 1,5 GB e, para acompañala, apareceu a tarifa 1, cunha conta inferior (7 €/mes), 500 MB e chamadas a 1 céntimo no canto de 0.
O 2015 remata cunha oferta de móbil simplificada en 5 tarifas, 4 con chamadas incluídas (150 minutos e 1 GB por 12 €/mes; ilimitadas e 1,5 GB por 20 €/mes; ilimitadas e 3 GB por 30 €/mes; ilimitada e 5 GB por 40 €/mes), e a citada tarifa 1, que custaba 8 €/mes.

Nesta etapa tamén destacaron servizos avanzados como a multiSIM, o fixo no móbil, as VPN corporativas e, sobre todo, wificlientesR, a maior rede WiFi de Galiza, que chegou a ofrecer ata 20 GB a máxima velocidade a quen se conectase a algunha das súas máis de 70.000 zonas WiFi.

Cobertura: do dominio de Vodafone ás tensións polo 4G
Durante case unha década, móbilR operou sobre a rede de Vodafone. A operadora británica investiu intensamente en Galiza para soportar a demanda conxunta da súa clientela e a de R, que non deixaba de medrar, facendo daquela unha das redes máis solventes do país.
Porén, ao chegar o momento do 4G, Vodafone negou reiteradamente o acceso a R, xerando un malestar crecente entre as usuarias. O 4G era unha realidade na competencia e móbilR non podía ofrecelo. Unha situación tan tensa que marcaría un punto de inflexión na súa historia.
R non contaba con espectro radio para servizos de móbil, agás unha banda nos 2600 MHz que conseguiu nun dos últimos refarmings do 4G. A compañía non deu uso comercial a esta licenza por non ser competitivo o custe do despregamento, aínda que si fixeron probas na cidade da Coruña, ás que tivemos acceso nós en xaneiro de 2013.
2016-2017: cambio de rede… e a caída máis grave da historia de R
En 2015 a cableira vasca Euskaltel comprou R, e pouco despois comezaron os plans para abandonar Vodafone e migrar toda a carteira á rede de Orange. A operación culminaría en 2017, pero non estivo exenta de polémica.
O episodio máis lembrado produciuse entre o 23 e 24 de decembro de 2016, cando o servizo caeu completamente durante horas. R acusou Vodafone de provocar un suposto ataque tipo DDoS mediante un envío masivo de SMS promocionais, ás que Vodafone respondeu cun cease and desist.

A polémica foi monumental e deixou feridas na percepción pública, aínda que a operadora galega conseguiu completar a migración e deixar atrás o bloqueo do 4G, se ben neses primeiros anos foron moitas as queixas pola diferenza na cobertura: daquela a rede de Orange era a menos evolucionada en Galiza.
2020-2021: datos ilimitados, acordo para o 5G e unha nova mudanza de rede
O ano 2020 marcou outro cambio de era, co lanzamento das tarifas con datos ilimitados, un salto cualitativo respecto da etapa anterior. Ademais, o Grupo Euskaltel asinou un acordo con Orange para prestar servizos 5G como OMV completo, unha decisión estratéxica que poñía a tecnoloxía na folla de ruta de R.
En marzo de 2021 o mercado sacudise coa OPA de MásMóvil por Euskaltel. A operación culminou ese mesmo ano e, como consecuencia, R abandonou progresivamente a cobertura de Vodafone/Orange para integrarse na rede do Grupo MásMóvil, de maneira que a finais de 2021, 290.000 das 367.000 liñas residenciais xa migraran á nova cobertura.
Estas liñas pasaron a usar prioritariamente a rede de Yoigo, e, onde esta non chegaba, as redes compartidas mediante acordos (principalmente Orange). Segundo afirmaba a propia R por aquel entón, o 50 % da clientela mellorou a cobertura en múltiples zonas, algo especialmente relevante en áreas rurais ou illadas.
2022-2025: nace MasOrange, chega o 5G SA e R desprégase no rural
En 2023–2024 materializouse a fusión entre Orange e MásMóvil, creando MasOrange, o segundo gran operador estatal en ingresos, e primeiro en número de usuarias. Esta nova estrutura permitiu acelerar os despregamentos de 5G e mellorar a calidade do servizo en todo o país.
Os investimentos e mellora na rede de Orange foron unha constante nos últimos anos, e segundo os últimos datos facilitados polo propio operador, neste 2025 o 65 % dos concellos galegos de menos de 10.000 habitantes xa dispoñen de 5G Stand Alone (5G puro), prevendo para o 2026 chegar a250 concellos, o 80 % de Galiza.
Este plan forma parte do programa estatal UNICO 5G Redes Activas, que implica actuacións en 1.000 estacións base e 70 millóns de euros de investimento, situando a Galiza na vangarda estatal do 5G rural, con concellos pequenos e rurais beneficiándose dunha tecnoloxía até hai pouco restrinxida a cidades.
Tarifas actuais: máis simples e competitivas
Hoxe en día móbilR ofrece unha das estruturas tarifarias máis simples da súa historia recente, todas elas con chamadas ilimitadas, que se poden combinar con datos ilimitados por 32 €/mes ou con franquías de 50 GB (16 €/mes) ou 25 GB (9 €/mes). Os prezos melloran se se engaden máis liñas ou se se combinan con servizos fixos nos clásicos combos.
Ademais, recentemente lanzaron a eSIM, un servizo moi demandado polas usuarias e que simboliza o salto desde aquela SIM “en forma de lata de sardiñas” que tantas veces protagonizou as campañas de móbilR a un formato máis novidoso e ecolóxico.

17 anos de evolución e adaptación contínua
A historia de móbilR é a historia dunha operadora que, desde o seu nacemento, tivo que competir, innovar e adaptarse nun mercado extremadamente cambiante.
Ao longo da súa traxectoria realizou diversas mudanzas de rede (Vodafone a Orange; Orange a Yoigo e cobertura do Grupo MasOrange), sorteou momentos críticos (como a caída de decembro de 2016) e soubo dar os pasos tecnolóxicos para pasar do 3G aou 5G Stand Alone.
Hoxe, 17 anos despois, tras varios cambios de dono e integrada agora dentro dun dos maiores grupos de telecomunicacións de Europa, R segue a manter unha identidade e un legado propios. Unha historia que, se algo demostrou, é a capacidade de reinventarse cada poucos anos para seguir sendo relevante nun mercado tan dinámico (e caníbal) como o do móbil.
