Analizamos a PNY RP60 Portable SSD: velocidade profesional e resistencia para levar a todas partes

Nos últimos anos asistimos a un axuste de prezos nas memorias SSD portátiles, unha tendencia que non só serviu para democratizar o acceso ás memorias máis avanzadas, senón tamén para converter estes dispositivos en alternativas moi atractivas para gardar, transportar e traballar con grandes cantidades de contido.

Xa non son produtos exclusivos dos profesionais da edición ou da fotografía: cada vez máis usuarias optan (optamos) por SSD externos fronte aos tradicionais discos mecánicos pola súa velocidade, fiabilidade e seguridade. Nese contexto chega a PNY RP60 Portable SSD, unha unidade que aposta abertamente pola máxima velocidade USB 3.2 Gen 2×2, un deseño lixeiro e moi resistente, e unha clara orientación ao uso profesional.

Vista frontal

Nas últimas semanas estivemos a probar unha unidade deste disco duro, na súa versión de 1 TB, aínda que tamén está dispoñíbel nunha variante con maior capacidade (2 TB) para quen precise máis almacenamento. A continuación comentamos as nosas principais conclusións.

Deseño: compacto, robusto e pensado para viaxar

A PNY RP60 está construída para sobrevivir ao traballo diario, ás viaxes e aos escenarios menos amables. As súas dimensións (aproximadamente 5,5 x 9,5 x 1,2 cm de grosor) fan dela unha unidade moi compacta, que cabe sen problema en calquera peto ou funda dun portátil. A isto contribúe tamén o seu peso de só 53 gramos, que a converte nun dispositivo cómodo mesmo para quen leva múltiples accesorios enriba.

Vista do USB-C coa súa tapa

O chasis está completamente cuberto por unha goma rugosa, un acabado que incrementa a sensación de robustez e que ao mesmo tempo mellora o agarre. Non é un simple detalle estético: este deseño permite que a SSD soporte caídas de ata 3 metros, algo pouco habitual na súa gama de prezos. Iso si, tamén atrae motas de pó con bastante facilidade.

A protección non queda aí. A RP60 conta con certificación IP65, polo que está protexida contra po e chorros de auga, facéndoa apta para traballos en exteriores ou en condicións complicadas, se ben é un extremo que non probamos na nosa análise. O porto USB-C tamén está cuberto cunha tapa de goma para evitar que entre suciedade, e nunha das esquinas inclúese un oco para colgadores ou mosquetóns, ideal para fotógrafos, videógrafos ou técnicos que traballan en movemento.

Inclúe un espazo oco para pendurar de mosquetóns

Dentro da caixa atopamos un cable USB 3.2 Gen 2×2, necesario para obter o máximo rendemento que ofrece a unidade. Tamén podemos usar o software Acronis True Image Data Protection, unha ferramenta útil para xestionar copias de seguridade.

Rendemento: velocidade premium

Indo máis aló do deseño, o que realmente distingue a PNY RP60 de outras unidades da súa categoría é o seu rendemento. A marca promete até uns 2.000 MB/s en lectura e 1.800 MB/s en escritura teóricos, cifras que aproximan as probas en situacións reais de uso, e que converten a SSD nunha solución moi sólida para tarefas profesionais.

Este nivel de velocidade é posible grazas á utilización da memoria NAND Flash TLC combinada cunha porción que actúa como caché SLC e a interface USB 3.2 Gen 2×2, capaz de acadar 20 Gbps a través dun porto compatíbel.

Inclúe cable USB-C de 20 Gbps

O resultado é unha experiencia fluída e inmediata. En traballos profesionais, que implican mover arquivos de gran tamaño (arquivos RAW, vídeos en alta definición…), a unidade desprégase con enorme solvencia. A copia de varios gigabytesé cuestión de segundos, e mesmo en transferencias continuas mantense estable, sen sobrequecemento apreciable nin apenas caída de rendemento.

Para as usuarios que traballan con fluxos de edición en directo desde a SSD, a RP60 ofrece unha velocidade máis propia de unidades internas NVMe, o que permite abrir, modificar e exportar arquivos directamente desde a mesma sen sensación de latencia.

Unha ferramenta profesional a bo prezo

A PNY RP60 é unha das unidades SSD portátiles máis equilibradas do mercado en termos de prezo, rendemento e resistencia. Cun prezo de 120 € para a versión de 1 TB, sitúase nun segmento moi competitivo, destacando por ofrecer tecnoloxías avanzadas que non sempre atopamos nesta franxa.

Un dispositivo cómodo na man

O seu uso está especialmente indicado para profesionais (fotógrafos, videógrafos, creadores de contido, profesionais de IT), usuarias que viaxan moito e buscan unha unidade compacta e duradeira ou quen simplemente busca desfrutar de contidos multimedia directamente desde a SSD.

En conclusión, a PNY RP60 Portable SSD cumpre todo o que promete en termos técnicos, que combinados coa súa protección IP65 e resistencia a caídas conviértena nunha excelente opción para quen precisa velocidade real e durabilidade. Sen dúbida unha das mellores propostas do ano dentro da súa gama.

Este artigo contén enlace de afiliados. Se mercas o dispositivo, a ti sáeche ao mesmo prezo, e nós recibimos unha pequena comisión que nos axuda a manter este proxecto.

Sobre o autor

Reply