Orange vén de actualizar o seu plan para o apagado das redes móbiles máis antigas, unha transición que xa está en marcha en diferentes países europeos e que busca liberar espectro para as tecnoloxías máis eficientes: 4G e 5G. A compañía francesa confirma agora que manterá o 3G operativo até o 31 de decembro de 2027, dous anos máis tarde do previsto, mentres que o 2G seguirá activo até finais de 2030.
Esta prórroga sitúa ao Estdo español entre os territorios onde o mantemento das redes antigas será máis prolongado, fronte a outros mercados como Polonia ou Romanía, que si manterán o calendario inicial previsto pola oradora.
A razón do apagado: liberar espectro para mellorar o 4G e 5G
Os motivos detrás do apagado das redes antigas son técnicos e estratéxicos. Por unha banda, 4G e 5G son moito máis eficientes, tanto na capacidade de datos como no consumo enerxético. Por outra, para seguir medrando en cobertura e velocidade, estas tecnoloxías necesitan acceso ao espectro ocupado polo 2G e o 3G.
A compañía considera que ambas tecnoloxías modernas xa están o suficientemente maduras como para substituír por completo ás anteriores, garantindo mellor experiencia, máis velocidade e menor impacto ambiental.
A fin do 2G e 3G é un proceso inevitábel e que xa está en marcha noutros grandes operadores europeos. Orange, cunha rede 4G consolidada e un 5G en expansión, busca así redistribuír recursos para ofrecer máis velocidade, mellor cobertura e unha rede máis sostíbel.
Como afecta o apagado ás usuarias
O impacto do apagado non será inmediato para a maioría das usuarias, xa que case todos os smartphones actuais son compatibles con 4G. Porén, Orange recomenda revisar dous puntos clave: dispór dun terminal compatíbel 4G e verificar a compatibilidade coas chamadas VoLTE.
Sen VoLTE, as usuarias poderán ter problemas para realizar ou recibir chamadas, mesmo tendo datos 4G ou 5G. Esta recomendación é especialmente relevante para persoas maiores, empresas con dispositivos antigos, alarmas conectadas, TPVs e equipos IoT.
Co novo calendario sobre a mesa, usuarias e empresas teñen máis tempo para prepararse, pero tamén deben asegurarse de estar ao día tecnoloxicamente para evitar cortes e incidencias no momento do apagado definitivo.
