Amazon prepárase para a súa entrada definitiva na carreira da conectividade por satélite. O que até agora coñeciamos como Project Kuiper recibe por fin nome comercial: Amazon Leo, un servizo que chega para competir con Starlink, tanto en Galiza como no resto do mundo. A compañía activou xa a súa web oficial e mesmo unha lista de espera para avisar cando o servizo estea dispoñíbel, un movemento que evidencia que o lanzamento comercial está á volta da esquina.
Tres plans, tres antenas e velocidades de até 1 Gbps
Amazon Leo estrutúrase en tres modalidades de servizo, cada unha ligada a un tipo de antena diferente. A filosofía é similar á de Starlink, pero con variacións importantes nos tamaños, pesos e velocidades máximas.
- Amazon Leo Nano (100 Mbps). Está pensada para mobilidade, como caravanas, actividades ao aire libre ou vivendas de uso ocasional. O equipamento é unha antena de 180 x 180 mm, que pesa arredor dun quilogramo, e consegue velocidades duns 100 Mbps.
- Amazon Leo Pro (400 Mbps). É a alternativa estándar para fogares, pequenas oficinas ou negocios. Neste caso a antena é de 280 x 280 mm e pesa 2,4 quilos, conseguindo velocidades de até 400 Mbps.
- Amazon Leo Ultra (1 Gbps). Trátase da versión premium, pensando en empresas ou usuarias que requiren o máximo rendemento. A antena mide 510 x 760 mm, e a velocidade estimada é de 1 Gbps. Trátase da única alternativa que non ten competencia con Starlink, se ben a empresa de Elon Musk xa prepara o lanzamento de novos satélites para ofrecer servizos nestas velocidades.

A gran incógnita está agora no prezo. Amazon non revelou aínda o custo das tarifas nin das antenas, e este será o factor clave para saber se poderá competir realmente con Starlink, xa que se non está subvencionado, o custe das antenas pode situarse entre os 100 e os 200 euros adicionais.
Cuestión de poucas semanas
A falta de aclarar cuestións como o seu prezo, semella que o lanzamento de Amazon Leo será algo inminente. No Estado español, a compañía xa está rexistrada como operadora na CNMC, e conta ademais cunha estación terrestre en Santander, que funcionará como punto de enlace coa rede de satélites. Un movemento clave para asegurar baixas latencias e un servizo estábel na Península Ibérica.
O único que falta é o permiso final para permitir a comunicación directa entre as antenas das usuarias e os satélites, requisito imprescindible antes de activar comercialmente o servizo.
