Movistar confirma unha nova suba de prezos para 2026: así quedan as tarifas de fibra e móbil

Un ano máis, e xa van oito seguidos, Movistar arrinca o ano anunciando incrementos nas súas tarifas de fibra e móbil. A partir do 13 de xaneiro de 2026, milleiros de fogares verán actualizado o custo mensual dos seus paquetes converxentes, nunha subida media arredor do 4%.

A operadora xustifica este aumento polo incremento dos custos operativos, especialmente polo prezo dos dereitos televisivos, unha peza clave na súa oferta premium de Movistar Plus+. Con todo, para moitas usuarias esta rutina anual xa é un clásico pouco desexado.

As tarifas de Movistar que soben no 2026

A subida afectará principalmente ás tarifas converxentes de alta gama e ao servizo de Movistar Plus+. Os cambios máis relevantes son:

  • Fibra 1000 Mbps + móbil ilimitado + liña adicional, que pasa de 63 a 65 €/mes.
  • Fibra 1000 Mbps + dúas liñas móbiles ilimitadas, que sobe de 80 a 83 €/mes.
  • Movistar Plus+ con decodificador, que se incrementa un euro, de 13 a 14 €/mes.

Trátase de paquetes orientados á clientela que consume moitos datos, desfruta de alta velocidade e accede a contidos televisivos premium como fútbol, cine ou series.

O paquete máis básico que ofrece a operadora, con Fibra 600 Mbps e móbil con 60 GB, mantense nos 53 €/mes. Movistar evita tocar as opcións de entrada, unha estratexia que busca non empurrar ás usuarias menos intensivas cara a competencia, onde as OMV ofrecen prezos notablemente máis baixos.

Compénsanos a suba?

Cada subida anual de Movistar obriga ás usuarias a facer un exercicio de análise sobre se realmente se precisa todo o que se ten contratado, por exemplo en termos de velocidade ou no dispor de datos ilimitados no móbil.

Para a meirande parte dos usos domésticos (teletraballo, streaming en 4K, videoxogos) 600 Mbps son máis que suficientes, polo que a diferenza real adoita notarse só en fogares con moitas usuarias descargando ou traballando á vez con arquivos moi pesados. E o mesmo pasa co móbil: se non es unha persoa que consome vídeo en mobilidade de forma intensiva, quizais podes baixar un chanzo.

Polo tanto, estes movementos poden ser unha boa oportunidade para reflexionar sobre o que temos contratado. A diferenza entre un paquete converxente de Movistar e un equivalente dunha OMV pode ser de 30 a 40 euros ao mes, aínda que sen contidos exclusivos nin o mesmo nivel de servizo técnico.

Sobre o autor

No Responses

Reply