O programa Copernicus dá un novo paso adiante coa posta en órbita do Sentinel-1D, o máis recente satélite da misión Sentinel-1. Lanzado o pasado 4 de novembro a bordo dun foguete Ariane 6 desde o espazoporto europeo en Güiana Francesa, o novo aparato xa comezou a ofrecer resultados espectaculares: as súas primeiras imaxes de alta resolución, capturadas apenas 50 horas despois do lanzamento, amosan con detalle zonas clave como a Antártida, a Tierra del Fuego e mesmo a cidade alemá de Bremen.
Este tempo récord entre o lanzamento e a entrega dos primeiros datos sitúa a misión nun nivel tecnolóxico sen precedentes no ámbito da observación radar da Terra.

Unha “primeira luz” histórica en tempo récord
O Sentinel-1D incorpora un radar de apertura sintética (SAR) de 12 metros, capaz de obter imaxes independentes das condicións meteorolóxicas ou da luz solar. Dous días despois da súa entrada en órbita, capturou as súas primeiras escenas sobre a Península Antártica, o glaciar Thwaites e o extremo sur de América.
Segundo Nuno Miranda, responsable da misión Sentinel-1, estas imaxes de “primeira luz” teñen unha calidade excepcional e son comparables ás conseguidas polo anterior satélite da familia, o Sentinel-1C. Ademais, a rapidez na activación dos instrumentos e no procesado –máis veloz incluso que no caso do Sentinel-1B– marca un novo fito na observación radar desde o espazo.

O satélite tamén activou con éxito o seu Sistema de Identificación Automática (AIS), deseñado para detectar barcos e contaminación mariña, incluso en rexións extremas como as augas antárticas.
Antártida: un territorio clave ante o cambio climático
As primeiras imaxes amosan con claridade a vulnerabilidade dos ecosistemas polares. A Península Antártica, unha das zonas que máis rápido se quentan do planeta, revela nas capturas o forte contraste entre o océano e o seu manto de xeo. O radar permite identificar cambios sutís, como o adelgazamento dos glaciares ou o estado das plataformas de xeo, indicadores fundamentais na análise do avance do cambio climático.
Tamén se publicou unha imaxe do glaciar Thwaites, coñecido popularmente como o “Glaciar do Día do Xuízo Final” pola súa enorme inestabilidade. Os tons violetas que representan o xeo mariño e a área branca correspondente ao glaciar deixan ver detalles que subliñan a súa fraxilidade. Nun ano tan significativo como o 2025, declarado Pola ONU como Ano Internacional da Preservación dos Glaciares, estas imaxes resultan especialmente oportunas.
Tierra de Fuego: contraste de paisaxes nunha imaxe multicor
Outra das capturas realizadas mostra a Tierra del Fuego, o arquipélago compartido entre Chile e Arxentina. Empregando varias polarizacións de radar, a imaxe revela un espectáculo cromático: tons azuis para os océanos e picos nevados, amarelos para a terra firme e matices brillantes que permiten distinguir elementos do terreo con gran precisión.
Este tipo de representacións multicanle son unha ferramenta clave para estudar xeomorfoloxía, xeoloxía, cambios de cobertura do solo e impacto humano.
Datos científicos nun momento decisivo
As primeiras imaxes do Sentinel-1D chegan coincidindo coa celebración da COP30, onde se abordan as consecuencias do quecemento global. Datos recentes da Organización Meteorolóxica Mundial indican que, entre 2023 e 2024, os glaciares de todo o planeta sufriron a súa maior perda de xeo desde 1950. A redución do xeo antártico tamén seguiu batendo récords negativos, cunhas das menores extensións desde que existen rexistros satelitais.
Neste contexto, a incorporación do Sentinel-1D marca un novo capítulo na vixilancia global desde o espazo. A súa rapidez, precisión e capacidade para operar en condicións extremas fan del unha ferramenta esencial para entender o comportamento dos glaciares, monitorizar os océanos e observar fenómenos críticos relacionados co clima.
Con estas primeiras imaxes, Europa confirma o seu papel como líder tecnolóxico e científico en observación terrestre, nun momento no que contar con datos precisos e fiables é máis urxente que nunca.
