Os Pixel 9 e Pixel 10 estrean os SMS por satélite en Europa da man de Orange

Un novo paso na conectividade móbil chega este mesmo mes de decembro: os Google Pixel 9 e Pixel 10 converteranse nos primeiros smartphones en Europa capaces de enviar SMS por satélite, unha funcionalidade que permitirá comunicarse mesmo en zonas sen cobertura móbil nin WiFi. E todo isto grazas a Orange, que será a primeira operadora europea en o servizo.

A novidade chegará o 11 de decembro de 2025, inicialmente en Francia, pero con extensión inmediata a España e a outros 27 países europeos grazas a acordos de roaming satelital.

SMS por satélite: conectividade tamén nas “zonas brancas”

Orange integrará os SMS por satélite directamente na app Mensaxes de Google, polo que non será necesario instalar nada nin empregar aplicacións adicionais. A partir da activación, as persoas usuarias dos Pixel 9 e Pixel 10 poderán enviar SMS cando non haxa cobertura móbil nin WiFi e compartir a súa ubicación por satélite, sendo quen de operar mesmo en países onde Orange non ten rede móbil propia

A tecnoloxía está impulsada por Skylo, un operador especializado en redes non terrestres e que tamén dá soporte ao Satellite SOS dos Pixel e do Pixel Watch 4. Polo momento, só os Pixel 9 e Pixel 10 son compatibles, pero tanto Google como Orange teñen previsto ampliar o número de dispositivos no futuro.

Un servizo que será gratuíto durante 6 meses

Para poder probar o servizo, Orange ofrecerá seis meses de uso gratuíto. Pasado ese período, terá un prezo de 5 € ao mes, un custo relativamente reducido tendo en conta o que supón dispoñer de conectividade en zonas remotas, pero á vez alto se falamos de SMS, que apenas usa a meirande parte da poboación.

A cobertura inicial abrangue Francia metropolitana e outros 36 países, entre eles Alemaña, Bélxica, Suíza, Estados Unidos e Canadá, segundo confirma a propia operadora.

Mensaxes de Google gaña funcionalidades

A integración deste servizo reforza a aposta de Google pola súa app Mensaxes, que leva anos engadindo funcións para converterse nunha alternativa moderna ao SMS tradicional e, nun contexto diferente, mesmo a WhatsApp.

Nos últimos meses incorporou importantes novidades, como compartir a ubicación en tempo real, iniciar videochamadas a través de WhatsApp se o destinatario ten a aplicación e múltiples melloras en seguridade e cifrado.

A chegada dos SMS por satélite supón agora un salto cualitativo e abre a porta a novos usos en zonas rurais, de montaña ou actividades ao aire libre onde non sempre é posible depender das redes tradicionais.

Sobre o autor

Reply