Digi dá o salto ao rural: se chega Rede Aberta á túa casa, chega tamén a fibra Smart de Digi

A revolución dos prezos baixos na fibra chega por fin ao rural galego. Digi, coñecida polas súas tarifas ultra-competitivas, está a levar a súa fibra Smart —a modalidade máis barata da compañía— a zonas onde ata agora non era posible ofrecela, grazas a novos acordos con redes neutras como Rede Aberta.

Ata o de agora, a fibra Smart só estaba dispoñible en áreas onde Digi tiña infraestrutura propia ou a rede de Onivia, pola que a operadora accede a prezos moi reducidos. Isto permitía ofrecer conexións de 500 Mbps por só 10 €/mes o 1 Gbps por 20 €/mes, prezos polo de agora imposíbeis baixo o modelo NEBA, onde Digi debe alugar a rede de Movistar e os custos dispáranse.

Rede Aberta, clave da expansión no rural galego

O cambio de escenario chega grazas a que Digi comezou a empregar redes neutras alleas, entre elas Rede Aberta, a infraestrutura rural neutra máis importante de Galiza.

Rede Aberta —propiedade do fondo Cube Infrastructure— traballa en zonas rurais, polígonos e pequenos concellos, cunha cobertura de arredor de 300.000 fogares en 135 concellos, principalmente das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra. Foi ademais unha das grandes beneficiarias das axudas ÚNICO para levar fibra ao rural e é socio fundador de GalNIX, o novo punto neutro de intercambio.

O logo de Digi xa aparece no listado oficial de operadores que comercializan sobre a rede de Rede Aberta, xunto con outras grandes compañías como R, MásOrange ou Vodafone.

Ademais de Rede Aberta, Digi tamén estaría a empregar a rede neutra Asteo, centrada no despregue en pequenas localidades de Castela e León e Estremadura. Rede Aberta e Asteo forman parte de Rurix, unha plataforma de intercambio que facilita que as operadoras con redes rurais poidan compartir cobertura e ampliar presenza.

Con estes movementos, Digi deixa claro que quere levar a súa fibra Smart ao maior número de fogares posible, rompendo a barreira histórica que impedía desfrutar dos mellores prezos no rural.

Un movemento que incomoda ás operadoras locais

A chegada de Digi ao rural non está a ser recibida con entusiasmo polas pequenas operadoras locais, que ven como as súas tarifas —moito máis elevadas debido aos custos de despregue— non poden competir cos prezos ultrabaixos da compañía romanesa. Para moitas delas, esta entrada supón un risco serio para a súa sustentabilidade.

Sobre o autor

Reply