A familia vivo X300 está a piques de sumar un novo membro. Segundo as últimas filtracións, o vivo X300 Ultra será o modelo que peche a serie e chegará como sucesor directo do X200 Ultra. A marca aínda non confirmou detalles oficiais, pero varias fontes coinciden en debuxar un perfil moi ambicioso para este novo “Ultra”.
De acordo cun reputado filtrador, o vivo X300 Ultra presentarse no primeiro cuatrimestre de 2026, un calendario que encaixa perfectamente co debut do X200 Ultra, que viu a luz en abril deste ano. A diferenza do seu predecesor —que quedou restrinxido ao mercado chinés—, todo apunta a que o novo modelo chegará por primeira vez a nivel global, unha noticia moi relevante para o segmento premium de Android.
Outro dos detalles máis destacados da filtración é a súa batería. O vivo X300 Ultra contaría cunha batería de 7.000 mAh, un salto considerable fronte aos 6.000 mAh do vivo X200 Ultra ou os 6.510 mAh do recente vivo X300 Pro. Se se confirma, estaríamos ante un dos smartphones de gama alta con maior autonomía do mercado, un punto clave tanto para creadoras de contido coma para profesionais que dependen do móbil durante toda a xornada.
Dobrando a aposta na cámara: dous sensores de 200 MP
As filtracións tamén apuntan a unha configuración fotográfica moi ambiciosa. O vivo X300 Ultra incorporaría dúas cámaras de 200 MP, acompañadas dun sensor ultrawide de 50 MP máis grande, pensado para mellorar a captura en escenas con pouca luz e ampliar o rango dinámico.
Este movemento reforza a estratexia de vivo por competir directamente coas propostas de Samsung, Xiaomi ou Honor no terreo da fotografía premium, onde cada detalle marca a diferenza.
Aínda que quedan moitos detalles por coñecer —procesador, pantalla, carga rápida ou sección de vídeo—, o vivo X300 Ultra xa se perfila como un dos lanzamentos máis agardados do inicio de 2026. Se finalmente chega ao mercado global, será a primeira vez que un modelo Ultra de vivo da serie X aterre oficialmente fóra de China, un paso clave para consolidar a marca entre as grandes do ecosistema Android.
