Lowi arrinca o Nadal con 100 GB extra gratis e duplicando a velocidade da súa fibra máis económica

Lowi volve mover ficha de cara á campaña de Nadal. A marca de baixo custe de Vodafone inaugura decembro cunha promoción que combina dous movementos relevantes: por unha banda, o agasallo dun bono de 100 GB adicionais para todas as liñas móbiles; e por outra, unha mellora da velocidade mínima da fibra, que pasa dos 300 aos 600 Mbps, mantendo prezos e sen que as persoas usuarias teñan que facer nada. Unha dupla ofensiva que reforza o seu posicionamento no segmento máis competitivo do mercado.

100 GB extra para clientes actuais e portabilidades

Do mesmo xeito que fixera no verán con aquel bono de 300 GB, Lowi recupera a fórmula pero esta vez cunha versión máis contida: 100 GB gratis para todas as tarifas móbiles e converxentes. A promoción é aplicábel tanto á clientela actual como ás persoas que realicen unha portabilidade ao operador, e poderá activarse durante todo o mes de decembro.

Esta activación faise de forma automática no caso das portabilidades, mentres que as usuarias actuais da compañía deben habilitalo manualmente desde a aplicación Mi Lowi, igual ca noutras campañas semellantes anteriores. Hai que ter en conta ademais que o bono ten validez dun mes desde que se activa.

Adeus aos 300 Mbps. Ola aos 600 Mbps

A outra gran novidade chega ao catálogo de fibra. Lowi elimina a súa opción de 300 Mbps e substitúea por 600 Mbps, que pasan a ser a súa velocidade de entrada. Mantéñense tamén os 1 Gbps como opción superior.

Os prezos non cambian, manténdose nos 25 € para a fibra de 600 Mbps e 28 €/mes para a de 1 Gbps. Ademais, as persoas que xa tiñan 300 Mbps verán duplicada a velocidade sen incremento de prezo, aplicándose o cambio de forma automática.

Rematar o ano marcando perfil

Co mercado low cost máis disputado ca nunca, Lowi aposta por dúas medidas moi visibles: máis datos móbiles de forma gratuíta e máis velocidade de fibra sen cambio de prezo. Unha combinación sempre ben recibida, especialmente para quen non queira subir de gama pero si mellorar a experiencia de uso.

Veremos como responden o resto de operadores neste tramo final do ano, pero o certo é que Lowi volve situarse entre as propostas máis competitivas do seu segmento.

Sobre o autor

Reply