Durante meses, o Samsung Galaxy Z TriFold foi un dos dispositivos máis rumoreados do ecosistema móbil. Filtracións, prototipos e patentes alimentaron a idea dun smartphone capaz de despregarse en dúas etapas, combinando mobilidade extrema cunha gran pantalla portátil. Hoxe, por fin, é oficial. Samsung vén de presentar o seu primeiro teléfono “triplemente encartábel”, un produto que redefine o concepto de dispositivo móbil e que inaugura unha nova xeración de formatos impulsados pola intelixencia artificial.
Co lanzamento do Galaxy Z TriFold, a marca coreana fortalece o seu liderado nun segmento onde leva unha grande vantaxe: o dos dispositivos encartábeis. Agora, Samsung dá un salto de escala para combinar portabilidade, potencia e unha pantalla inmersiva de 10 polgadas nun deseño ultradelgado.

Un novo formato para a nova mobilidade
Cun corpo de tan só 3,9 mm na súa parte máis delgada, o Galaxy Z Trifold desprega unha pantalla Dynamic AMOLED 2X de 10 polgadas, a maior vista nunca nun smartphone Galaxy. O dispositivo pode funcionar como un teléfono premium compacto cando está completamente pechado, até como unha tablet ultracompacta ao despregar os dous laterais.
Para facelo posíbel, Samsung utiliza un sistema de dobre bisagra Armor FlexHinge, con carrís independentes que operan en harmonía para asegurar unha apertura suave e estábel. A tecnoloxía de pantalla tamén foi reforzada cunha nova capa que absorbe impactos e mellora a durabilidade nun dispositivo multiencartábel.
No exterior incorpora Advanced Armor Aluminum e unha placa metálica de titanio na bisagra, que incrementan a resistencia sen engadir grosor. Por dentro, cada dispositivo pasa polo seu estrito proceso de control de calidade, incluíndo escaneos TC e láser para garantir precisión milimétrica.

Snapdragon 8 Elite para Galaxy e outras características premium
No seu interior, Samsung apostou por incluír un procesador Snapdragon 8 Elite para Galaxy, xunto con 16 GB de RAM e opcións de 512 GB ou 1 TB de capacidade interna. A súa batería é de 5.600 mAh, cun sistema de tres celdas distribuído por cada panel para unha mellor xestión térmica, e que conta con sistema de carga rápida de 45 W.
No apartado fotográfico, temos unha cámara principal de 200 MP, acompañada dun sensor ultra gran angular de de 12 MP e un telefoto de 10 MP. Tamén dispón de dúas cámaras frontais de 10 MP cada unha, adaptándose ao modo de uso.
Un novo Galaxy para a produtividade
O TriFold está pensado como un auténtico centro de traballo móbil. A súa pantalla pode funcionar como tres paneis de 6,5 polgadas en paralelo, permitindo cousas como executar tres apps en vertical ao mesmo tempo, redimensionar ventás libremente, revisar documentos en formato vertical para mellorar a concentración ou acceder á barra de tarefas inferior, que facilita o cambio entre apps recentes.
Samsung optimizou ademais aplicacións como Os meus arquivos ou Samsung Health para o formato ultragrande, aproveitando a nova relación de aspecto, e integra Samsung DeX de forma nativa, sen necesidade de conectar a un monitor externo. Isto permite xestionar até 4 espazos de traballo simultáneos, con 5 apps por cada un deles. O resultado é unha experiencia moi próxima a un escritorio completo, ideal para profesionais e multitarefa avanzada.

E, por suposto, tamén hai espazo para a intelixencia artificial. A IA está presente en todo o Galaxy Z TriFold, con funcións como o asistente fotográfico con Edición xerativa e Boceto a imaxe; comparación directa antes/despois en pantalla dividida; asistente de navegación con resumos e traducións instantáneas ou Gemini Live optimizado para pantalla grande, con IA multimodal que entende o que o usuario ve, di e fai
O dispositivo é capaz tamén de ofrecer recomendacións contextuais, como deseño de interiores, análise visual, axuda en tempo real ou procesos creativos guiados.
Dispoñibilidade e oferta de lanzamento
O Samsung Galaxy Z TriFold chegará nun primeiro a Corea o 12 de decembro de 2025, ampliándose en semanas posteriores a China, Taiwán, Singapur, Emiratos Árabes Unidos e Estados Unidos. Chegará ás tendas seleccionadas para probalo en primeira persoa con asistencia especializada.
Como promoción de lanzamento, Samsung ofrece ás compradoras 6 meses de Google AI Pro con acceso a ferramentas como a xeración de vídeo con tecnoloxía Veo3 e 2 TB de almacenamento seguro na nube, así como un 50% de desconto nunha reparación de pantalla, válido unha vez por dispositivo.
En definitiva, o Samsung Galaxy Z TriFold non é só un novo móbil: é o comezo dunha categoría que redefinirá o que esperamos dun dispositivo portátil. Combinando deseño, potencia Ultra, IA avanzada e unha pantalla que multiplica posibilidades, Samsung dá un golpe enriba da mesa e demostra, unha vez máis, que segue varios pasos por diante na innovación móbil.
