Tras varias semanas de anuncios aos poucos, realme vén de presentar oficialmente o novo realme GT 8 Pro, o smartphone máis avanzado e ambicioso da súa historia. Con rendemento de nivel flagship, un sistema fotográfico revolucionario desenvolvido con RICOH GR, deseño totalmente personalizable e unha versión especial creada con Aston Martin, o novo GT 8 Pro chega disposto a marcar un antes e un despois na gama alta.
Nun comunicado a marca confirmou que o dispositivo busca romper moldes nun sector no que moitas veces predomina a repetición. E faino con tecnoloxía punteira, novas ideas e unha aposta clara por ofrecer unha experiencia premium diferente ao habitual.
A clave está na fotografía
Entre os seus puntos fortes está a fotografía. E é que o realme GT 8 Pro é o resultado dunha colaboración estratéxica de 4 anos entre realme e RICOH GR, unha das firmas máis prestixiosas en fotografía de rúa. O resultado é o primeiro sistema de cámara RICOH GR nun smartphone, pensado para replicar a experiencia dunha cámara compacta profesional GR4.
Entre as súas claves destacan as lonxtidues focais de 28 e 40 mm, pensadas para fotografía urbana, reproducindo a perspectiva natural do ollo humano. Tamén permite disparos instantáneos, pensando en escenas fugaces, mediante o modo Snap Focus con Super QPD Snap. Ademais, ofrece cinco perfís de película RICOH GR (Standard, Positive, Negative, Monotone e High-Contrast B&W, que aportan unha estética analóxica real para amantes da fotografía clásica.
realme destaca o seu teleobxectivo Ultra Clarity de 200 MP, con sensor de 1/1,56” e zoom sen perdas de ata 12x. En retrato, a distancia focal 3x ofrece profundidade natural e detalle extremo, mantendo texturas e matices. A experiencia complétase cun ultra gran angular de 50 MP e 116º, ideal para paisaxe urbana ou grupos.
Relacionado coa cámara, temos que referirnos aos seus módulos intercambiábeis, grazas ao cal as usuarias poden adaptar o deseño ao seu estilo: circular, cadrado, robótico ou estilos temáticos.

Potencia de primeiro nivel
No corazón do GT 8 Pro atopámonos cun procesador Snapdragon 8 Elite Gen 5, de 3 nm, acompañado dun chip adicado Hyper Vision+ AI, que mellora gráficos, renderizado e estabilidade. Ambos traballan en paralelo para ofrecer renderizado 4x con máis nitidez, até 144 Hz en xogos e multitarefa fluída, mesmo en escenarios de carta extrema.
O realme GT 8 Pro incorpora unha das baterías máis amplas do mercado, con 7000 mAh e carga por cable de 120 W. Tamén ofrece carga sen fíos de 50 W. Segundo o fabricante, isto permite máis de 20 horas continuadas de reprodución de vídeo de YouTube ou TikTok.

A súa pantalla é outro dos seus puntos fortes. Ofrece resolución 2K e 144 Hz de refresco, cun brillo máximo de 7000 nits, garantindo a visibilidade baixo o sol directo. A experiencia multimedia complétase con son Immersive con Symmetric Master Acoustic Speaker, motor háptico Ultra Haptic e sistema de refrixeración 7K Ultimate VC.
realme UI 7.0 con IA
Como sistema operativo inclúe realme UI 7.0, baseado en Android 16, e que inclúe funcións como:
- AI Notify Brief: resumos diarios de tarefas e notificacións
- AI Framing Master: suxestións de encadre nas fotos
- AI Gaming Coach: axuda avanzada en xogos
- AI Smart Reply
- AI Highlight: grava automaticamente momentos destacados nos xogos
- Multi-task Side Bar: ata 12 apps e dúas de alta carga simultáneas en segundo plano.

realme GT 8 Pro Dream Edition: unha colaboración especial con Aston Martin Aramco F1
realme tamén ofrece unha edición especial, cun deseño feito en colaboración con Aston Martin. As principais características deste modelo é a cor Aston Martin Racing Green con detalles en lima (Lime Essence) e a presenza do emblema metálico de Aston Martin.
Tamén inclúe unha interfaz exclusiva de Fórmula 1 e son AMR25, ademais dun modo GT temático.
realme GR 8 Pro: dispoñibilidade e prezo
O novo realme GT 8 Pro chega ao mercado en dúas cores, branco (Diary White) e azul (Urban Blue), e en dúas opcións de capacidade:
- 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento por 999 €.
- 16 GB de RAM e 512 GB de almacenamento por 1099 €.
Como oferta de lanzamento, até o 6 de xaneiro pódense adquirir cun desconto de 100 €, o cargador de 120 W incluído e tamén o módulo de cámara intercambiábel de agasallo.
En canto á versión especial realme GT 8 Pro Dream Edition, chega por 1.199 € nunha única configuración de 16+512 GB.
