Vodafone súmase ás subas de prezo: anuncia un incremento de 2,5 € ao mes nas súas tarifas a partir do 8 de xaneiro

Vodafone comezará 2026 con cambios importantes no seu catálogo de prezos. A operadora confirmou unha suba media de 2,5 euros ao mes nas súas tarifas a partir do 8 de xaneiro de 2026, un movemento que se suma ás actualizacións xa avanzadas por Movistar e Orange para o mesmo período. O sector das telecomunicacións pecha así un ano marcado polo incremento de custos e pola necesidade —segundo as propias compañías— de manter o nivel de investimento en rede e contidos.

Un incremento medio do 3,9%: de 1 a 5 euros segundo o servizo contratado

Segundo confirmou Vodafone, a suba media porcentual será do 3,9%, aínda que a cifra final variará segundo o tipo de servizo:

  • Líneas móbiles: +1 €/mes
  • Só fixo ou fibra: +1,5 €/mes
  • Internet portátil 5G: +2 €/mes
  • Paquetes converxentes fibra + móbil: +3 €/mes
  • Hogar Ilimitable / Negocio Ilimitable: +5 €/mes
  • Tarifas con Disney+: +1 € adicional á suba correspondente

A teleco, agora en mans de Zegona, sinala que estas actualizacións non afectan ás tarifas sociais nin a servizos como Secure Net, One Number, Super WiFi ou MultiSIM.

Máis velocidade e melloras nos datos

Vodafone destaca que esta revisión de prezos irá acompañada de beneficios. O máis destacado é a mellora das conexións de fibra, xa que os plans de 300 Mbps pasan automaticamente a 600 Mbps sen custo adicional.

Tamén se agardan melloras no apartado de datos móbiles en determinadas tarifas, seguindo a estratexia doutras campañas recentes da compañía.

Segundo apunta Vodafone, o obxectivo é manter unha experiencia “fiable, segura e de máxima calidade”, asumindo que o incremento dos custos de rede e contidos fai imprescindible este axuste para soste-lo investimento.

Un inicio de ano marcado polas subas de prezo

A compañía comezará a informar aos usuarios nos próximos días, polo que cada cliente recibirá o detalle da súa actualización personalizada. A suba aplicarase de forma automática a partir do 8 de xaneiro de 2026. Para quen teña un paquete con Disney+, a recomendación é revisar ben a factura, xa que o servizo engadirá 1 euro adicional ao incremento correspondente.

Os aumentos de Movistar, Orange e agora Vodafone confirman un escenario no que todas as grandes telecos están a revisar prezos para afrontar custos crecientes en infraestrutura, contidos e tecnoloxía. Para os usuarios, isto tradúcese nun incremento case xeneralizado en paquetes converxentes e servizos móbiles, aínda que con algunhas melloras asociadas como máis velocidade de fibra ou bonos de datos ampliados.

Sobre o autor

Reply