O goberno busca cun Real Decreto garantir a conectividade móbil durante os apagóns

O Goberno do Estado vén de someter a audiencia pública o borrador do Real Decreto de Seguridade e Resiliencia das Redes e Servizos de Comunicacións Electrónicas e Infraestruturas Dixitais, unha normativa chamada a reforzar a protección das telecomunicacións. O seu obxectivo principal é minimizar o impacto dos incidentes de rede nas usuarias e asegurar que as comunicacións se restablezan canto antes, mesmo en situacións de emerxencia extrema.

Eventos como a pandemia da COVID-19, a erupción do volcán en La Palma, a DANA que arrasou varias vilas de Valencia ou o apagón eléctrico deste abril deixaron en evidencia algo fundamental: as telecomunicacións xa non son un servizo máis. Son infraestruturas esenciais, imprescindibles para a vida cotiá, a seguridade cidadá e o funcionamento da economía.

O Real Decreto busca establecer un marco xurídico actualizado que garanta que, ante calquera incidente, as usuarias non queden illadas, conten cun servizo fiable e poidan recuperar a comunicación no menor tempo posible.

Instalacións esenciais e resposta coordinada

Un dos elementos clave do texto é a consideración das redes e servizos de telecomunicacións, así como certas infraestruturas dixitais —centros de datos, puntos neutros, cables submarinos ou sistemas satelitais— como servizos de carácter esencial en situacións de emerxencia.

Isto implica que, en caso de crise, todas as autoridades (administracións, corpos de seguridade e servizos públicos) deberán cooperar para garantir a continuidade ou recuperación das comunicacións. Un paso importante para evitar colapsos como os vividos en episodios recentes.

O Real Decreto establece tamén esixencias específicas para operadores de telecomunicacións e empresas que xestionan infraestruturas dixitais con máis de 500.000 usuarias ou máis de 50 millóns de euros de ingresos, ademais dos operadores críticos e quen presta servizos de emerxencia.

Todos eles deberán presentar un Plan Xeral de Seguridade e plans específicos por tipo de rede, servizo e incidente, nos que deberán incluír:

  • Análise de riscos
  • Medidas preventivas e accións prioritarias
  • Clasificación das instalacións segundo o seu nivel de criticidade
  • Garantía de autonomía eléctrica en caso de apagóns

Esta autonomía mínima divídese en tres niveis de infraestruturas: as críticas de primeiro nivel deberán ofrecer 24 horas de operatividade; as de nivel intermedio 12 horas; e as de nivel estándar 4 horas.

No caso das redes móbiles, esas catro horas deberán manter cobertura para polo menos o 85% da poboación, podendo priorizar tecnoloxías ou zonas estratéxicas para garantir a comunicación de servizos públicos e sectores clave.

O texto tamén reforza de maneira explícita a actividade dos centros 112 e os sistemas de alertas públicas. Estes servizos —vitais en situacións de emerxencia—, así como os operadores que lles dan conectividade, deberán elaborar os seus propios Plans de Seguridade para asegurar unha operatividade continua.

Para ofrecer transparencia e resposta coordinada, o Real Decreto reforza tamén as obrigas de notificación, incluíndo o aviso inicial nun máximo dunha hora desde o inicio do incidente; informes intermedios periódicos durante a incidencia; e unha notificación final, seguida dun informe técnico completo sobre causas, impacto, medidas tomadas e aprendizaxes.

Ademais, establécense criterios claros para clasificar os incidentes como significativos ou menores, en función do número de usuarias afectadas, duración, área xeográfica ou tipo de servizo implicado.

A Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais será a responsable de supervisar o cumprimento da norma e coordinar o traballo con organismos nacionais, autonómicos e europeos. Tamén se creará a Mesa de Coordinación de Seguridade e Resiliencia das Redes, un foro estable que reunirá todos os actores implicados para mellorar a resposta ante incidentes e organizar simulacros conxuntos.

Audiencia pública aberta ata o 8 de xaneiro de 2026

O borrador permanecerá en audiencia pública ata o 8 de xaneiro de 2026, permitindo que cidadanía, entidades e operadores poidan achegar propostas e valoracións antes da súa aprobación definitiva.

Sobre o autor

Reply