Vodafone continúa reforzando a súa oferta, cunha nova proposta para viaxeiras, usuarias ocasionais e persoas que buscan conectividade rápida sen contratos a longo prazo. A operadora vén de lanzar oficialmente a súa nova eSIM prepago de activación inmediata, un servizo que permite contratar unha tarifa e ter datos e chamadas operativas en cuestión de minutos, todo desde unha plataforma online e cun proceso de identificación automatizado.
Unha aposta pola eSIM e polas liñas prepago
A combinación de tarifas prepago e eSIM leva tempo gañando peso entre usuarias que non necesitan unha liña fixa ou un contrato estable. As eSIM de viaxe, especialmente en desprazamentos fóra o Espazo Económico Europeo, demostraron ser unha ferramenta útil para quen se move entre países e require conectividade puntual.
Vodafone quere competir tamén neste segmento, e faino cunha proposta sinxela, rápida e totalmente dixital, orientada tanto ao público local como ás visitantes ocasionais. Para iso vén de poñer en marcha un portal independente e enfocado exclusivamente ás tarifas prepago con eSIM, permitindo que as usuarias contraten, se identifiquen e activen a liña de maneira completamente online.
O proceso é extremadamente sinxelo: basta con seleccionar a tarifa desexada (Vodafone ofrece 5 plans prepago con prezos entre 15 € e 40 €, e datos que van desde 60 GB ata 400 GB), escoller a data de activación, facer o pago online e finalmente identificarse. Neste último paso emprégase un proceso de verificación online que comproba a identidade da usuaria e contrasta os datos co ficheiro Hunter, unha base empregada polas operadoras para previr a fraude.
Só despois de completar estes pasos de verificación, as usuarias poden descargar a eSIM, lista para usar no seu dispositivo compatible. Unha cuestión que non é menor, xa que desde o 2009, todas as liñas prepago en España deben estar asociadas a unha identidade verificada para evitar usos fraudulentos.
Co lanzamento desta eSIM prepago activable en minutos, Vodafone reforza unha das súas áreas máis estratéxicas ediferénciase cun proceso dixital, rápido e sen depender de tendas físicas, apoiándose na tecnoloxía de Sercom para ofrecer unha experiencia máis áxil ca nunca.
