Apenas pasaron uns días desde o lanzamento do realme GT 8 Pro 2, e o fabricante chinés realme volve quentar o mercado dos smartphones de gama media-alta. Tras a aparición recente das primeiras imaxes e características técnicas, unha nova filtración vén de revelar un dato clave: a data de lanzamento da serie Realme 16 Pro, que apunta directamente a comezos de 2026.
Segundo esta última información, Realme xa ten todo preparado para presentar oficialmente dous novos modelos que prometen dar moito que falar. Así, todo apunta a que a serie Realme 16 Pro será presentada oficialmente o 6 de xaneiro de 2026 na India, nun evento que serviría para a dar a coñecer o realme 16 Pro e o realme 16 Pro+.
Como é habitual, o lanzamento en India adoita ser o primeiro paso antes dunha chegada progresiva a outros mercados internacionais, incluíndo Europa.
A filtración tamén achega información básica sobre a configuración base dos dispositivos, que partirá dos 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento interno. Apúntase tamén a que o realme 16 Pro+ incorporará unha cámara telefoto periscópica, unha novidade importante na serie, xa que o Realme 15 Pro, presentado en xullo deste ano, non incluía lente telefoto, marcando así un salto importante no apartado fotográfico.
No caso do modelo destinado ao mercado chinés, que adoita marcar o teito técnico da familia, as filtracións apuntan a unha pantalla AMLED de 6,78 polgadas, batería de 7000 mAh, cámara traseira principal de 200 MP e frontal de 50 MP e até 16 GB de memoria RAM.
De confirmarse estes datos, o realme 16 Pro situaríase como un dos smartphones máis completos da súa categoría, competindo directamente con modelos moito máis caros de outras marcas.
realme redobra esforzos pola gama Pro
A gama “Pro” de Realme leva varias xeracións consolidándose como unha alternativa agresiva en calidade-prezo, e co que sabemos do novo modelo semella que seguirá nesa liña cunha aposta por ofrecer ás usuarias máis batería, mellor fotografía e un deseño coidado, sen disparar o custo final.
A inclusión dun sensor de 200 MP e dun telefoto periscópico no modelo Pro+ amosa claramente a intención do fabricante de elevar o listón fotográfico, un dos aspectos máis valorados pola meirande parte das usuarias.
