vivo S50 e S50 Pro mini: data de lanzamento oficial, deseño e primeiras especificacións confirmadas

vivo xa puxo data ao debut da súa nova serie S50, unha gama que chega coa intención de combinar deseño coidado, alta potencia e fotografía avanzada nun formato máis compacto do habitual. Tras semanas de teasers, a marca chinesa confirmou finalmente cando veremos en escena os novos modelos.

Os vivo S50 e vivo S50 Pro mini serán presentados oficialmente o próximo 15 de decembro na China. Ademais, a compañía xa abriu o prazo de reservas anticipadas, o que adoita indicar que o lanzamento comercial será case inmediato tras o evento.

vivo tamén publicou imaxes oficiais e vídeos promocionais en Weibo, deixando ver parte do deseño e das cores dispoñíbeis desta nova xeración.

Cores confirmadas e Snapdragon no interior

A marca tamén detallou as opcións cromáticas a través da súa tenda oficial en liña: o vivo S50 Pro mini chegará en branco (Confession White), lilá (Inspirational Purple) e negro (Space Black), mentres que o vivo S50 sumará a esas tres outra en azul (Serene Blue).

No apartado do rendemento, vivo deixou claras as diferenzas entre ambos dispositivos: mentres que o vivo S50 Pro mini chegará equipado co Snapdragon 8 Gen 5 (o procesador máis avanzado de Qualcomm na actualidade), o vivo S50 estándar utilizará o Snapdragon 8s Gen 3, unha versión optimizada que ofrece un equilibrio entre rendemento, consumo enerxético e custo.

En canto á fotografía, ambos modelos contarán cunha cámara telefoto periscópica de 50 MP, baseada no sensor Sony IMX882. Non é habitual atopar este tipo de lentes en dispositivos compactos ou de corte máis estilizado, polo que vivo busca diferenciarse claramente da competencia neste punto.

Esta decisión apunta a un zoom óptico avanzado e mellores resultados en fotografía a distancia, sen renunciar a un deseño refinado.

Á espera de coñecer o resto de detalles, como os datos das súas pantallas, capacidade da batería, prezos ou os posibles plans de expansión internacional, a serie vivo S50 apunta a ser unha das propostas máis interesantes deste final de ano, especialmente para aquelas persoas que buscan potencia de gama alta, e un tamaño máis manexable sen compromisos técnicos.

Sobre o autor

No Responses

Reply