Adobe vén de protagonizar un dos anuncios máis interesantes do ano no ámbito da creatividade dixital. A compañía confirmou que as súas populares ferramentas profesionais Photoshop, Adobe Express e Adobe Acrobat pasan a integrarse de forma nativa en ChatGPT, permitindo ás usuarias as súas funcións máis populares sen instalar nada, sen pagar subscricións e editando simplemente con instrucións en linguaxe natural.
Un movemento estratéxico que transforma por completo o acceso ás ferramentas profesionais de Adobe e que abre a porta a que millóns de usuarias poidan editar imaxes, crear deseños ou traballar con PDFs desde unha interface conversacional sinxela.
Photoshop: edición profesional nas túas palabras
Non cabe dúbida de que a gran estrela da integración é Adobe Photoshop, agora dispoñible directamente no chat. Con esta novidade, calquera usuaria pode facer modificacións nas súas fotos, incluíndo axustes de brillo, contraste ou exposición; substituír ou editar elementos dunha fotografía; aplicar efectos creativos (Glitch, Glow ou corrección avanzada); retocar retratos e desenfocar fondos; ou realizar edicións precisas en zonas concretas da imaxe.
O mellor de todo é que podemos facer todo isto sen ter coñecementos de como funciona un programa de retoque fotográfico, empregando frases sinxelas, como por exemplo: Adobe Photoshop, desenfoca o fondo nesta foto.

ChatGPT fará a maxia, interpretando a orde, activando a ferramenta e guíando as usuarias paso a paso. Ademais, cando se require máis precisión, despregan os controis clásicos de Photoshop con reguladores intuitivos.
O obxectivo deste movemento é claro: convertir a edición profesional nun proceso accesible, guiado e sen curva de aprendizaxe.
Adobe Express e Adobe Acrobat
Xunto con Photoshop, tamén chega a ChatGPT Adobe Express, a ferramenta pensada para quen necesita crear contido visual de forma rápida e sinxela. Dentro do chat poderemos facer cousas como:
- Crear invitacións, carteis, flyers ou tarxetas
- Deseñar publicacións para Instagram, Facebook ou TikTok
- Personalizar plantillas con textos, imaxes e animacións
- Acceder a unha extensa biblioteca de recursos

Estas funcionalidedes poden ser moi interesantes tanto para usuarias sen coñecementos como para creadoras de contido e pequenas empresas que buscan velocidade e consistencia visual.
Ademais, por primeira vez, Adobe Acrobat permite traballar con documentos PDF directamente en ChatGPT, algo moi útil especialmente para estudantes, profesionais e empresas.

Grazas a isto pódense realizar tarefas como a edición de texto, reorganizar páxinas, extraer táboas ou contidos, combinar ou comprimir documentos e censurar información sensíbel, entre outras. E, igualmente, todo desde a mesma xanela de chat, sen necesidade dun lector ou editor adicional.
De balde para usuarias de ChatGPT
Adobe confirmou que Photoshop, Express e Acrobat están dispoñibles de maneira gratuíta en ChatGPT tanto en navegador, escritorio e en iOS. Adobe Express xa funciona en Android, e Photoshop e Acrobat chegarán tamén proximamente ao sistema operativo de Google.
A integración de Adobe con ChatGPT marca un fito no sector ao poñer ferramentas punteiras ao alcance de calquera: agora, editar unha imaxe complexa, deseñar un cartel ou transformar un PDF é tan simple como describir o que necesitas.
