Google continúa afinando a experiencia de uso dos seus smartphones encartábeis. Coa última actualización da aplicación Cámara, o Google Pixel 9 Pro Fold recibe unha función moi agardada: o modo de visualización dividida, estreado anteriormente no Pixel 10 Pro Fold e xa habitual noutros móbiles con pantalla flexible. Esta mellora supón un paso adiante na optimización do software para o formato encartábel, un aspecto no que Google aínda tiña marxe de mellora.
A nova funcionalidade permite ver as fotos tomadas na metade esquerda da pantalla, mentres que o visor da cámara permanece activo na metade dereita. Deste xeito, as usuarias poden revisar as imaxes ao instante sen interromper a sesión de fotografía nin ter que cambiar constantemente entre pantallas.
Este sistema resulta especialmente útil en escenarios como a fotografía de produto; cando facemos tomas repetidas ata dar coa imaxe perfecta; ou, simplemente, para comprobar encadre e exposición sen perder tempo. A función actívase mediante un botón específico situado baixo o disparador, o que facilita o seu acceso e fai a experiencia máis intuitiva.

Ademais de amosar as fotos capturadas na sesión actual, o modo de vista dividida permite acceder a todas as imaxes gardadas, aínda que na práctica isto funciona como un acceso directo a Google Photos. Non é unha galería independente dentro da app de Cámara, pero si un atallo cómodo que encaixa ben no uso diario.
A integración é fluída e coherente co ecosistema Pixel, aínda que non deixa de chamar a atención que esta función chegue agora, cando outros fabricantes levan tempo ofrecendo solucións semellantes nos seus encartábeis. Un pequeno cambio que marca a diferenza no día a día e que demostra que, pouco a pouco, Google vai pulindo a experiencia Pixel Fold, aínda que con algo de atraso respecto á competencia.
