iRobot declárase en bancarrota e o futuro de Roomba pasa a mans chinesas

O sector da robótica doméstica vén de recibir un golpe histórico. iRobot, a compañía estadounidense coñecida en todo o mundo polos aspiradores Roomba, declarou oficialmente a bancarrota e deixará de cotizar en Bolsa nos Estados Unidos. A empresa, con sede en Massachusetts, inicia así un proceso de reestruturación baixo a protección do Capítulo 11 da Lei de Quebras estadounidense, que culminará coa súa venda íntegra a dúas empresas chinesas.

A operación marca un antes e un despois para unha das marcas máis recoñecibles da tecnoloxía doméstica intelixente, pioneira na popularización dos robots aspiradores desde comezos dos anos 2000.

Venda total a un grupo chinés e saída do Nasdaq

O acordo de reestruturación foi alcanzado coa empresa Shenzhen Picea Robotics e a súa filial Santrum Hong Kong, que adquirirán o 100 % de iRobot unha vez finalice o proceso xudicial. Como consecuencia, a compañía deixará de cotizar no Nasdaq, e os seus accionistas actuais perderán todo o investimento, segundo os documentos presentados ante o Tribunal do Distrito de Delaware.

Tras coñecerse a noticia, as accións de iRobot afundíronse un 78 % no mercado fóra de horario, reflectindo a gravidade da situación financeira da empresa.

Porén, a pesares da bancarrota, iRobot seguirá operando con normalidade durante o proceso. A compañía acumula unha débeda próxima aos 190 millóns de dólares, pero confía en completar a reorganización financeira antes de febreiro de 2026.

Desde a dirección aseguran que esta operación é “un paso crucial” para garantir a viabilidade a longo prazo da empresa e permitir novos investimentos en innovación dentro da súa carteira de robótica e fogar intelixente.

Aranceis, competencia e a ruptura con Amazon

Os problemas financeiros de iRobot non son novos. A compañía advertira xa en marzo de 2025 de “dúbidas substanciais” sobre a súa capacidade para continuar operando, nun contexto marcado pola forte competencia, a caída da demanda e un escenario macroeconómico adverso.

Un dos factores determinantes foi o impacto dos novos aranceis estadounidenses, especialmente o imposto do 46 % ás importacións procedentes de Vietnam, onde iRobot fabrica boa parte dos seus aspiradores para o mercado dos EUA. Estes aranceis incrementaron os custos da empresa en 23 millóns de dólares só en 2025, complicando seriamente a planificación a medio prazo.

A situación agravouse tras a cancelación, en xaneiro de 2024, do acordo de compra por parte de Amazon, que finalmente renunciou á operación ante a oposición dos reguladores europeos, que advertían dun posible risco para a competencia.

Tras frustrarse a adquisición por Amazon, iRobot puxo en marcha un plan de reestruturación que incluíu un recorte de máis do 50 % do persoal, nun intento desesperado por estabilizar as contas. Non foi suficiente.

Agora, coa entrada de Picea Robotics como propietaria total, iRobot abrirá unha nova etapa marcada polo control chinés dunha marca histórica da tecnoloxía estadounidense.

Implicacións para as usuarias

A curto prazo, iRobot asegura que non haberá interrupcións no servizo, nin no soporte aos dispositivos actuais. Con todo, queda por ver como afectará este cambio de propiedade á estratexia futura da marca, ao desenvolvemento de novos produtos e á xestión dos datos nun contexto cada vez máis sensible en termos de soberanía tecnolóxica.

O que está claro é que Roomba xa non é só un símbolo da innovación estadounidense, senón un exemplo máis do profundo cambio que está a vivir a industria tecnolóxica global.

Sobre o autor

Reply