O vivo S50 Pro Mini é oficial: un gama alta Android compacto que sorprende cunha batería xigante de 6.500 mAh

O concepto de móbil compacto de gama alta en Android leva anos sendo unha promesa incumprida. Se ben hai múltiples intentos, o certo é que polo xeral atopámonos con pantallas cada vez máis grandes, corpos máis delgados a costa da autonomía e poucas opcións reais para quen busca potencia nun formato manexable.

Por iso, o lanzamento do vivo S50 Pro Mini marca un punto de inflexión. Como xa avanzamos hai unha semana, trátase un smartphone premium que, sen ser pequeno, consegue un equilibrio moi pouco habitual entre tamaño, rendemento e batería. O trebello xa está dispoñíbel na China, e servirá como base do futuro X300 FE que debera chegar a Europa nos próximos meses.

Especificacións de gama alta

Como dicimos, estamos a falar dun teléfono que conta cunhas dimensións de 150,83 x 71,76 x 8,1 mm e ten un peso de 191 gramos, unhas cifras que no nivel de modelos como o Pixel Pro. Porén, a clave está en que vivo logra integrar especificacións propias dun flagship completo, algo que a maioría dos móbiles máis compactos non poden dicir.

A súa pantalla é un panel LTPO AMOLED de 6,31 polgadas, con eesolución 1.5K (2.640 x 1.216 píxeles), unha taxa de refresco adaptativa de até 120 Hz e un brillo de até 5000 nits. O resultado é un dispositivo moi manexable cunha soa man, sen renunciar a unha experiencia visual de primeiro nivel.

No seu interior atopamos o Qualcomm Snapdragon 8 Gen 5, fabricado en 3 nm, un chip que ofrece rendemento de gama alta real, cun consumo moi contido, e que vai acompañado de 12 ou 16 GB de RAM e 256 ou 512 GB de almacenamento interno. Un conxunto máis que suficiente para xogos esixentes, multitarefa intensiva e unha vida útil longa sen problemas de fluidez.

Outro dos puntos fortes do vivo S50 Pro Mini é a fotografía, algo pouco habitual en dispositivos compactos. Conta cun sistema de triple cámara, formado por un sensor principal de 50 MP con OIS; un teleobxectivo periscópico de 50 MP con zoom óptico 3x e OIS; e un ultra gran angular de 8 MP. Todo iso acompañado do característico Aura Light, o flash LED circular de vivo, pensado para retratos máis naturais e iluminación uniforme, e completándose na parte dianteira cunha cámara frontal de 50 MP con enfoque automático.

O vivo S50 Pro Mini integra unha batería de silicio-carbono de 6.500 mAh, unha cifra máis propia dun móbil de grandes dimensións. Ofrece ademais carga rápida por cable de ata 90 W, carga inversa e carga sen fíos de 50 W. Con eses datos, todo apunta a unha autonomía sobresaínte, posiblemente de dous días de uso real, algo que moitas usuarias levan tempo reclamando.

Deseño premium e resistente

En termos de deseño, Vivo apostou por unhas liñas elegantes e minimalistas, onde destaca o chasis de aluminio, unha traseira de vidro temperado e certificación IP68/IP69. O seu lector de pegadas dixitais intégrase baixo a pantalla.

En canto ás cores, ofrécense tres opcións para adaptarse aos diferentes gustos das usuarias: Confession White (branco), Inspiration Purple (morado) e Deep Space Black (negro).

Vivo S50 Pri Mini: dispoñibilidade e prezo

O vivo S50 Pro Mini xa se vende na China, cos seguintes prezos ao cambio

  • 12 GB + 256 GB: uns 450 €
  • 12 GB + 512 GB: uns 480 €
  • 16 GB + 512 GB: uns 520 €

Para o mercado internacional, todo apunta a que chegará en 2026 baixo o nome vivo X300 FE, posiblemente con pequenos axustes pero mantendo a esencia: un gama alta compacto sen concesións reais.

Polo tanto, se vivo mantén esta fórmula na súa chegada a Europa, poderiamos estar ante un dos móbiles máis recomendables do ano para quen busca comodidade sen renunciar a nada.

Sobre o autor

Reply